De dornas e gamelas

VIGO CIUDAD

MARTINA MISER

07 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Estiven a ler, seguramente sen proveito, Gramática da Lingua Galega de Xosé R. Freixeiro Mato. Unha obra, como tódalas científicas, rigorosa nos termos que usa; por descontado: erudita nas materias propias da Gramática aínda que naqueloutras que non constitúen esa disciplina, térmola por autoridade parecería esaxerado. No tomo III, Semántica, toca o tema dos sinónimos e dedícalle varias

páxinas. Como lego non podo pór en cuestión o estudo que fai desas palabras, malia opinar que non existen por seren algo contrario á economía: se non houbese matices que diferenciasen esas expresións entre elas, algunha, por inútil, tería desaparecido. En todo caso, como se sabe,

tódolos gramáticos e ata na escola, insisten na súa presenza e edítanse moi útiles dicionarios de sinónimos. A

sorpresa chegoume por un caso que cita o nomeado autor como paradigma; e falo de estrañeza porque calquera

veciño desta comarca afirmaría que este ensaísta vai equivocado nun exemplo que usa para ilustrarnos sobre

sinonimia con orixe na estrutura económica tradicional de Galicia. Na páxina 100 dese Tomo III indica como

sinónimos barca / bote / dorna / embarcación / gamela. Ou non contaba con lectores da ribeira ou a ben seguro que o profesor Freixeiro coñecerá supostos mellores. Nin son quen, nin me atrevo, nin isto é causa para criticar esta magnífica obra; así a todo, este exemplo escrito por un insigne lingüista, incluso no contexto dunha gramática, algo di. Para un segue a estar claro: os saberes e o universo da

cultura marítima tradicional, por moi diversas razóns, aínda non ocupan o seu espazo no coñecemento común, non están presentes no acervo educativo xeral. A pesares dos esforzos individuais de moi diversos intelectuais, entre os que convén nomear a Fernández Rei, ao Colectivo Etnográfico Mascato, Luís Rei, Lino Prieto -con dous libro publicados sobre as tipoloxías das embarcacións tradicionais-, Staffan Mörling, Dionisio Pereira, Calo Lourido, a extraordinaria revista Ardentía ou o recente libro de fotografía de Xurxo Lobato e da incesante e viva actividade das asociacións de cultura marítima e de Culturmar, non se dá unha penetración do mundo do mar no tecido cultural, particularmente no ensino, nin pode equipararse ao coñecemento doutros campos relativos á cultura tradicional, como a agraria. Se formasen parte desa cultura común, un ilustre filólogo como o profesor Freixeiro Mato, nin relativamente, consideraría que unha dorna é sinónimo dunha gamela, nin dun bote. Amigos de Culturmar: a seguir en combate.