Mirar e ver para outro lado

O escritor Francisco Castro, director da Editorial Galaxia, pide políticas culturais que impulsen, protexan e coiden o tecido literario en Galicia


Como son de Vigo, non sei distinguir entre ver e mirar. Emprégoos ao chou, segundo me caen mellor na frase. É un atributo vigués como pedir patatillas, coller un Vitrasa ou nunca parar nun semáforo en ámbar porque, xa se sabe, os sinais de tráfico, en Vigo, son recomendacións, nunca unha obriga. E si, non sei distinguir entre ver e mirar, pero si que son quen de decatarme de que non é intelixente ver ou mirar para outro lado. E iso, ben que o vexo, ben que o miro, é o que fan as nosas autoridades políticas, cando menos no eido da cultura.

Porque ven ou miran para outro lado diante das cifras, de puro escándalo, que explican a perda de galegofalantes no noso país. Non o digo eu, que son un tipo que non sabe ver nin mirar. Quen o di é a RAG, moi pouco sospeitosa de non saber ver ou mirar os asuntos da lingua galega. E dixérono nun informe hai un ano, xusto antes dese Día das Letras no que parecemos Un País Normal e Todo: imos cara a unha Galicia monolingüe... en castelán. Explicaban como só o 21 % dos cativos entre 5 e 9 teñen o galego como lingua propia, ou se queredes, para que se vexa e se mire mellor, o 79 % das novas xeracións só teñen o castelán como lingua de seu. Para ver e mirar e non crelo. E, diante disto, quen debería perder o sono seguro que descansa con total placidez. Porque ven e miran para outro lado.

Esta miña eiva viguesa non me impide ver e mirar que no noso país o tecido libreiro cada vez é máis feble, que pechan librarías e que son moitas, moitísimas, as que non aguantan e teñen que baixar a reixa para sempre. En Vigo, a semana pasada, despediamos a mítica Andel, a única especializada en libro galego. Alguén podería dicir, a ver, mire vostede, as cousas do mercado son así. Si, claro, podería retrucar eu, e engadir: mire, vexa, é que noutros países máis civilizados hai Políticas Culturais como é debido e impulsan, e protexen, e miman, e coidan, as librerías, as bibliotecas, ese tipo de lugares. Iso pódeo ver, ou mirar, calquera que teña andado un chisco polo mundo. Pero as nosas autoridades culturais ven e miran para outro lado.

Aínda así e todo, por Vigo adiante, podes ver e mirar xente que vai cun libro baixo do brazo, esperando o Vitrasa na marquesiña ou espantando as gaivotas nunha terraza, co propio libro, para que non che leven a ración de empanada de xoubas. Pero tampouco moitas. Porque resulta que os nosos índices de lectura son dos máis baixos do Estado, así como o gasto familiar en libros. Non o digo eu. Quen o di é a teimuda matemática obxectiva da economía, que cando mira este asunto o que ve é que somos un desastre. Igual o non desenvolvemento da Lei do Libro, aprobada, por certo, por unanimidade aló polo Xurásico Inferior ten algo que ver...

Diante deste panorama xa non sei cara a onde ver. Ou mirar. En fin, como se diga.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Mirar e ver para outro lado