«Desaparecen hábitos lectores e a valoración da lingua e do libro galego»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Xoán Carlos Gil

Pecha Andel, a última libraría de Galicia especializada en títulos en galego e portugués

06 mar 2019 . Actualizado a las 08:08 h.

Nunha data de fonda pegada simbólica, como o Día Internacional da Lingua Materna, a libraría Andel de Vigo anunciaba o cesamento da súa actividade e poñía día á xornada na que Galicia deixará de contar co único establecemento especializado en libro galego e portugués que mantiña a súa actividade. Non abandonará

Xaime Nogueira Meixe (Brués, Boborás, 1960) un sector no que leva toda a vida e volverá, xunto coa súa irmá Concha -entre os dous levaban a libraría-, ao comezo do proxecto de Andel. Porque todo principiou cando Nogueira, daquela xa con experiencia abonda na editorial Galaxia, apostou por crear unha libraría virtual para a venda de títulos galegos. Era 1997 e dous anos despois o proxecto daba un paso adiante coa apertura do espazo físico. O 30 de marzo o local da Avenida das Camelias pechará as súas portas, e Xaime e Concha volverán a centrarse en www.andelvirtual.com. E mentres chega a data, en Andel liquidan existencias, primeiro foron os títulos de poesía e seguen cos do teatro.

Unha desfeita sobre o sector

Nogueira Meixe é veterano de moitas batallas. Hai xa tempo que se implicou coa política local, nalgunhas municipais integrouse nas listas do BNG, e participou en moitas campañas e reivindicacións veciñais para reclamar iniciativas en Boborás. De feito destacado en proxectos culturais e de patrimonio.

Anos despois, mantén a mesma lucidez e claridade de ideas á hora de referirse á situación pola que atravesa o sector. «Hai moitos factores que inciden na desfeita que se está vivindo no mundo do libro e da lingua en xeral. As novas tecnoloxías, e a súa incidencia na escrita e no traballo editorial, e os hábitos lectores da xente nova están a influír de xeito determinante. Non hai recambio: na etapa inicial a literaria infantil en galego ten moita aceptación -e así vemos os premios que se conseguen fóra- e hai implicación. Nas primeira etapas do ensino e na adolescencia a cousa cambia e hoxe ves que non hai relevo xeracional, a xente que le libros son -por termo xeral- persoas maiores de 50 anos», sinala o libreiro.

Procesa datos a esgalla dos informes sobre os hábitos lectores, sector editorial e outros parámetros e debuxa un panorama de futuro que deixa pouco espazo para a esperanza. «Do que verdadeiramente estamos a falar é da valoración da nosa lingua. Desapareceron hábitos lectores e a valoración do libro galego. Tamén é un tema educativo, porque ás veces podes atopar casos como que che entre alguén pola porta preguntando se tes algo en galego de Agustín Fernández Paz. Se un docente che di iso que podes agardar?», ilustra Xaime Nogueira.

De Amazon á autoedición

O creador de Andel sitúa no 2007 o inicio da crise que está a provocar a desaparición das librarías do tecido comercial das cidades. Lembra que Amazon «ten uns amplo marxe de desconto, máis que algúns libreiros, e dáse unha práctica tan prexudicial como que eles teñan á venda un libro un mes antes de chegar o título ás librarías. Aí as editoriais van na súa contra porque xa me dirás cantos libros en galego vas vender en Suráfrica, a Patagonia ou Pernambuco». A autoedición tamén inflúe: dá todas as facilidades para a impresión mais non dinamiza o sector editorial.

Andel foi moito máis cunha libraría nestes vinte anos. Funcionou coma un espazo cultural e un centro dinamizador de Camelias e de Vigo. Non quere citar actividades, porque serían moitas as referencias, mais lembra con agarimo actos ou homenaxes con escritores que xa non están: «Foi moi emotiva a homenaxe a Xohana Torres, como os encontros cos Agustín Fernández Paz ou Xavier Docampo». E mentres incide en que o cancro está na fría estatística -«só o 3 % da poboación merca libro en galego»- sinala que a derradeira actividade será o día 14, data na que o ourensán Bieito Iglesias presentará a súa última obra.