Domingo Villar: «Tirei centos de páxinas porque sentín que non tiñan emoción»

VIGO CIUDAD

M.MORALEJO

«O último barco» trae a porto a Leo Caldas tras dez longos anos de silencio. Falamos co escritor no seu paraíso, as Rías Baixas. «Son un pesimista que nunca perde o sorriso», confesa

24 oct 2019 . Actualizado a las 18:31 h.

Preto da comisaría de Leo Caldas e do Eligio, o bar que este mes volve abrir as súas portas en Vigo para gusto do inspector lacónico e retranqueiro, nun café con vistas á Rosaleda, quedamos con Domingo Villar (Vigo, 1971) antes da saída de O último barco, que chega ás librarías o mércores, simultaneamente en galego (Galaxia) e castelán (Siruela). Sorriso pequeno e ollos melancólicos, o escritor, que vive en Madrid pero construíu o seu mundo literario nas Rías Baixas, é sobrio no vestir, agarimoso, dunha timidez que cicela a palabra e menos «valente», di el, que Leo Caldas.

-«Cando un escritor cala, está traballando», avanzou nunha entrevista en La Voz. Por que este tempo de silencio?

-[Silencio longo] Un sabe ben cando vai coller un barco, pero non onde o vai levar. Estiven moito tempo documentándome. Son un escritor cheo de dúbidas. Comecei a escribir O último barco e, contra o ano 2013, cometín o erro de dicirlles ás editoriais que tiña a novela case completa, e logo lin o texto e... No que escribín eu non achei esa emoción que, para min, é unha das cousas que distinguen un bo libro.

-Será a presión do éxito, de ter deixado o listón alto con «Ollos de auga» e «A praia dos afogados».

-Pero o listón máis alto está en min. O meu compromiso como escritor non é sacar un libro nunha data determinada, senón facer un libro do que me sinta satisfeito.

-Que ocorreu no 2013?

-Ese ano morreu meu pai. Eu líalle todos os días, e quedei sen frontón, sen contrincante. Tomaron o relevo miña nai, un dos meus irmáns, os meus dous fillos maiores... pero non era o mesmo. Así que pasei por un proceso estraño.

-Que achega escoitarse noutra voz?

-Eu estou afeito a iso, a ler o que escribo en voz alta, porque as razóns polas que detecto que un texto vale son máis musicais ca literarias. Morreu meu pai e comecei a escribir o libro de novo.

-Foron ao lixo moitos papeis?

-Desbotei centos de páxinas! Escribín a novela outra vez, traballeina e agora si estou satisfeito. Johan Cruyff falaba de que o difícil é xogar fácil, de que o fácil é dar un patadón e xa está. Na literatura hai algo diso. Hai que facer que ao lector que se desliza polo tobogán non se lle prenda a chaqueta.

-Non é doado darse a entender?

-Hai que poñer todos os andamios, e logo retiralos e facer que non se note. Eu vou escribindo á vez en dúas linguas. É complexo.

-«O último barco» comeza coa desaparición de Mónica Andrade, unha axudante de ceramista, e filla dun preeminente cirurxián vigués, que vai e volve todos os días de Moaña a Vigo. A novela sae á vez, o 6 de marzo, en galego e castelán. Escribiuna simultaneamente nas dúas linguas?

-Si, aínda que as cousas que me tocan máis por dentro sáenme en galego… Pero vivo en Madrid, a miña muller non é galega, é de Teruel, e a miña vida transcorre o 99 % en castelán.

-Por que unha novela de 800 páxinas?

-Non sabía a onde me ía levar o barco. Pero sentín que non podía ter a cadencia que quería en menos espazo. Foi a dimensión que me esixiu a historia, que está articulada en 150 capítulos curtos. Trato de facelos coma se fosen contiños. Son como dentes de serra, que, polo menos a min, permítenme avanzar con lixeireza.

-A presenza do pai ten forza e pouso na novela, pero dedícalle o libro á súa nai.

-Leo Caldas non ten nai… Eu dediqueillo a ela porque o merece, por razóns que todos os fillos compartirían. E porque no 2018, cando estaba para rematar o libro, o último pulo deumo pasar en Vigo tres meses en reclusión. Na casa, coas esixencias familiares e os rapaces, non era quen de rematar. O oficio literario necesita unha continuidade que a vida familiar fai difícil. Co apoio da miña muller, que quedou cos tres rapaces eses meses, vin para aquí a escribir. Este libro fala da paternidade, de pais e de nais, están Camilo e súa nai, Mónica Andrade e seu pai, Leo Caldas e o seu… Ten a paternidade e a soidade como presenzas e case estrutura da novela. Nas novelas policiais hai unha trama que acelera a historia, pero hai outras presenzas e ausencias decisivas.

-Vigo, o abeiro das Cíes.

-A paisaxe da ría. E aquí están tamén os artesáns da Escola de Artes e Oficios, o contraste das praias tranquilas co balbordo da cidade, e si, os pais, as nais e xente que está soa.

-As súas novelas, dixo, son no fondo cantigas de amor á terra.

-Si, cantos de amor a esta terra, a unha forma de ver e entender a vida.

-O seu corazón non voa do Morrazo...

-As Rías Baixas son o meu paraíso perdido, ao que non deixo de volver. Un pouco coma Ulises con Ítaca, eu regreso así, escribindo. É un sempre estar de volta.

-Leo Caldas é o álter ego de Domingo Villar? Diría, ao modo Flaubert: «Madame Bovary son eu»?

-Hai semellanzas e hai diferenzas, sobre todo na vida. El é un solitario, orfo, ten unha ex á que non esquece… Eu crecín nunha familia grande, somos catro irmáns, tivemos unha infancia formidable. Teño unha muller coa que estou feliz e tres fillos. Levo xa 25 anos con Bea. A Leo a vida azoutouno máis ca a min. El é máis tenaz, máis valente, non ten medo de seguir o instinto. Temos cousas en común: os dous traballamos na radio, el está en Patrulla nas Ondas, eu estiven na radio falando de gastronomía, de literatura, e fago de vez en cando os partidos do Celta en Radio Marca. E os dous nacemos e crecemos case nas mesmas rúas.

Un dos mapas que fixo o autor para «O último barco», cartografía na que descubrimos personaxes que cambiaron de nome na versión final da novela
Un dos mapas que fixo o autor para «O último barco», cartografía na que descubrimos personaxes que cambiaron de nome na versión final da novela

-Coinciden máis no carácter que nas decisións que tomaron na vida?

-Pode ser. Os meus amigos din que son un pesimista alegre. Eu póñome sempre no peor, pero cun sorriso. Digo: «Isto vai saír mal», pero fago brindes preventivos.

-O cerebral e o emocional tenden a equilibrarse nas súas novelas. Usa balanza?

-Eu trato de tomar distancia dos personaxes. Eles vanse debuxando a medida que falan e actúan. A novela policial ten unha transversalidade que ás veces tamén se dá por idades. Teño lectores que teñen 17 anos e outros maiores. Teño un lector, un notario catalán, que non me deixaba de escribir. Dicíame: «Que xa teño uns anos, déase présa!», e eu respondinlle: «Farei o que poida». Iso si que mete presión.

-A novela sae o día no que fai os 48, o 6 de marzo. Escolla ou azar?

-Xurdiu. Fago anos o 6 de marzo, o mesmo día que Ofelia Grande, directora de Siruela, a miña editora en castelán. Falando hai tempo, díxome: «Regalámonos o libro polo aniversario?» E falamos con Galaxia e pareceulles moi ben! Estou moi satisfeito de que O último barco saia o mesmo día en galego e en castelán e ao mesmo prezo.

-Os libros tecen vínculos dentro do libro. É algo que replica o que viviu na casa?

-O noso pai achegaba a narración oral. Escribía versos, era graciosísimo!, pero a miña nai foi a miña prescritora de lecturas. Ela deume a Vargas Llosa, a Delibes...

-Cales non o abandonarán?

-Son omnívoro. Gústanme Stevenson, Cunqueiro, Cormac McCarthy, John Irving, Muñoz Molina, Vázquez Montalbán, Andrea Camilleri, que naceu o mesmo ano que o meu pai e comezou a escribir tarde. Hai unha cousa que me obsesiona, e é a pouca voz que lle estamos dando á xente maior. Andrea Camilleri, que empezou a escribir cando tiña 75 anos, é a constatación de que nunca é tarde para brillar. O que vai deixar cando morra é una panoplia de historias marabillosas. Paga a pena ler cada liña que escribe. O autor siciliano que máis se ergueu contra a mafia foi el, e fíxoo como un vello, con naturalidade e liberdade.

-Esther Gómez, da libraría Moito Conto, contoume que algunhas das definicións das palabras que escolle como aperitivo para cada capítulo inventounas vostede.

-Saquei definicións do dicionario da Real Academia Galega, do da Española, do María Moliner e do Julio Casares, pero hai outras que as creo eu. O das palabras é un xogo, palabras polisémicas, con acepcións concretas e outras máis abstractas.

-Ten bo dente Leo Caldas. A gastronomía é tamén unha das súas debilidades?

-Meu pai facía viño. Na miña casa o ano non se dividía en primavera, verán, outono e inverno. Había a vendima, a floración, a purga, a poda, e así ían transcorrendo os anos, cos ciclos da viña. Empezando polo viño, a gastronomía vén coma un remolque. Eu son moi ousado na mesa!

-Cal é o segredo para facer un bo caldo?

-O segredo dun bo caldo é o mesmo que o dun bo libro, o dun bo instrumento musical… Dedicarlle o agarimo e o tempo que precise. É o que me gusta do meu oficio, e polo que escollín a Escola de Artes e Oficios como escenario da novela. Os escritores temos un oficio manual, que ten máis que ver coa artesanía que con outra cousa e que require cariño e tempo.

-E o caldo… espumalo ben!

-Si, si, iso di María na novela…

-Volve abrir o Eligio.

-Pechou porque morreu Carlos, pero abre de novo este marzo, alugáronllo a Leopoldo. Faime graza, porque me recorda a Vázquez Montalbán. En Casa Leopoldo comía sempre Pepe Carvalho.

-Xa citou dúas veces a Vázquez Montalbán.

-O primeiro que fixen cando escribín Ollos de auga foi enviarlle o primeiro exemplar a Anna Sallés, a súa viúva. Eu non a coñecía, pero mandeille unha carta na que dicía: «O seu marido ten moita culpa de que eu escribise este libro».

-Segue sen estado no WhatsApp?

-A ver… [mira o móbil]. Estou sen estado.

-Estase mellor sen estado?

-Non sabía que iso se cambiaba, hahaha.

-É inseguro?

-Si [move a cabeza para os lados, como collendo ao peso as dúbidas], si…

-Inseguro pero decidido?

-Sempre penso que as miñas cousas poden estar mellor. O que é marabilloso é saír da cova na que estiven e ver que hai xente ao outro lado querendo ler o que escribín. Un soño que tiña eu era vivir da literatura. E vivo da literatura. Non fago outra cousa que escribir, e andar polo mundo adiante promocionando os meus libros, que é un xeito de promocionar a miña terra, e iso si que me gusta, moito!

-A novela fala de pecado e redención, e ten un grande protagonista, o tempo.

-A novela fala das cousas que se deixan. Ás veces, un cre que deixando as cousas sen atender vanse arranxando soas, pero moitas veces, se se deixan, podrecen.

-A casualidade pode ser crucial. Diso tamén fala «O último barco».

-As mellores cousas que me pasaron na vida foron por casualidade. Tropezas cunha persoa, cambias o teléfono e convértese no teu compañeiro ou compañeira de vida para sempre, dun xeito asombroso.

-Coa novela tamén invita a pensar no terror que vive máis preto.

-Ás veces tes o monstro preto e non o ves; é algo que sucede constantemente. O peor é cando o monstro está dentro da casa.

-É un libro de segundas oportunidades.

-E de últimos barcos...

-«O último barco» ten intención de derradeiro, de caso final para Leo Caldas?

-O que non hai é compromiso de próximo libro. Seguirei escribindo. Xa escribía cando ninguén me publicaba, como o ía deixar? Sempre fun un rapaz fantasioso, e hai unha forma de canalizar a fantasía que é a literatura. Cando a fantasía oral che pon colorado, sempre podes seguir cun lapis e un papel. Coma unha forma de soñar esperto.

 

«O ÚLTIMO BARCO»

DOMINGO VILLAR

EDITORIAL GALAXIA PÁXINAS 785 PREZO 22,75 EUROS

PRSENTACIÓNS

  • Vigo Escola de Artes y Oficios, 7 de marzo
  • A Coruña Moito Conto, día 12
  • Ferrol Casino Ferrolano, día 13
  • Santiago Cronopios, día 14