Pecha a única libraría adicada ao galego

a.martínez VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Xoán Carlos Gil

A semana que vén empezará a poñer en liquidación os seus 16.000 títulos

23 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Andel, a única tenda especializada en libros escritos en galego e portugués pecha as súas portas en Vigo. A falta de clientes fai insustentable o mantemento do negocio. A súa desaparición responde «á realidade sociocultural deste país», segundo aseguraba onte Xaime Nogueira, responsable da tenda que levaba 20 anos na cidade. «Só fai falta ver os índices de hábito de lectura e de compra de libros. En Galicia son moi baixos», comentaba.

O peche definitivo farase efectivo o 30 de marzo. Ata esa data, a libraría poñerá as súas existencias en liquidación. As ofertas comezarán a próxima semana cunha selección de obra poética e seguirá con outras temáticas literarias como arte, ensaio música, obras de referencia ou a sección infantil e xuvenil.

Ata 16.000 volumenes consérvanse nos seus andeis, con obras que é moi difícil atopar noutras tendas, que están fóra de catálogo como as de hoxe en día desaparecidas Edicións do Castro, A Nosa Terra, Edicións Lóstrego ou Everest.

A libreaía anunciou o peche coincidindo co Día Internacional da Lingua Materna. Andel marcou un fito debido a que tamén foi a primeira en vender libros a través de Internet no ano 1997. Vendían online todo o que se publicaba en galego. A partir de 2005 empezaron a notar a influencia de Amazon, que xa tiña fondos en galego, ademais de libro usado.

En 1988, Xaime Nogueira puso en marcha esta tenda xunto á súa irmá Conchi. Agora posiblemente poñan o local á venda. A cidade perderá ademais un motor cultural en Camelias, onde se desenvolveu unha intensa actividade nas dúas últimas décadas. Durante todo este tempo desenvolveu unha gran cantidade de conferencias e presentacións de libros en galego. Nogueira explicou que sempre estiveron a disposición de autores e editores para organizar actos de promoción da literatura escrita en galego. Sumáronse a campañas institucionais para fomentar a literatura en galego. Á marxe destas iniciativas, contaron cunha programación estable con dúas ou tres actos públicos cada semana. O peche de Andel súmase a clausúra da libraría Torga en Ourense. Só quedan dúas tendas en Santiago dedicadas só a textos en galego.