«Hoxendía é imposible explicar a Rosalía sen as investigacións de Victoria Álvarez»

Begoña Rodríguez Sotelino
Begoña R. Sotelino VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Oscar Vázquez

A profesora Patricia Arias Chachero coordina a homenaxe á estudosa viguesa que celebra hoxe na cidade na que naceu

19 feb 2019 . Actualizado a las 11:11 h.

O 23 de setembro falecía en Vigo aos 57 anos a investigadora Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda. A docente e destacada estudosa da biografía de Rosalía de Castro era unha rastreadora rigorosa. A profesora Patricia Arias Chachero (Ponferrada, 1972), licenciada en Filoloxía Galega que imparte clase no IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía, coordina a dobre homenaxe que hoxe ás 19.00 horas acolle o auditorio municipal do Concello de Vigo: o que se lle tributa a Rosalía na semana do 182 aniversario do seu nacemento e o que se lle debe á investigadora viguesa da figura rosaliana, casada co escritor Xesús Alonso Montero. Ao remate do acto entregarase aos asistentes unha publicación especial, separata da revista Madrygal, editada pola Universidade Complutense e coordinada por Arias, que contén dous traballos inéditos da investigadora viguesa, un poema de Luz Pozo e sendos artigos de Alonso Montero, María Xesús Lama e María do Cebreiro.

-¿Victoria Álvarez era unha das maiores expertas en Rosalía?

-Sen dúbida. Pero a súa figura era pouco coñecida no ámbito da cultura galega porque participada pouco da vida pública aínda sendo a principal investigadora da biografía de Rosalía de Castro. Quizais despois de Fermín Bouza Brey, a máis fiable e certeira e unha investigadora tenaz que non deixaba un fío solto. Tiña un arquivo impresionante.

-¿O descoñecemento que se ten dela débese ao seu carácter ou pasoulle como a moitas mulleres que quedaron ocultas á sombra das súas parellas?

-No mundo das letras galegas todo o mundo a coñecía porque os seus traballos son moi importantes e tiran por terra datos sobre a vida da escritora. Ten un artigo fundamental para coñecela no que ela demostra que Rosalía nunca estivo na inclusa aínda que a bautizaron alí, e que a súa familia o máis probable é que nunca tivera a intención de non coidala, desterrando a idea que existiu durante moito tempo de que os primeiros anos non os pasara coa súa nai. Demostra que viviu até os 5 anos coa súa nai en Padrón e que a bautizaron na inclusa porque era o único lugar onde non pedían información sobre quen eran os pais.

-Cando Álvarez morreu, destacouse dela que era a dona de Alonso Montero e escribira un libro para nenos sobre Rosalía...

-E era certo, pero hai moito máis e reducila a iso é inxusto. Era moi discreta pero ten unha obra inmensa, tamén sobre Lamas Carvajal, Curros Enríquez, Blanco Amor, etc. Ten moitos estudos inéditos que se van recuperar. Deixa un arquivo impresionante que se vai doar á Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago. Tamén formaba parte da Fundación Rosalía de Castro e parte da súa obra está publicada a través desta entidade.

-¿Que a une a ela?

-Son compañeira de Xesús Alonso Montero na Fundación Otero Pedrayo e a raíz da súa morte afondei máis no seu legado de 30 anos de investigación. Para min foi unha sorpresa e un descubrimento. A homenaxe é de xustiza. Debería ser un modelo para os investigadores galegos. Documenta cada paso que dá e no é nada amiga de soltar teorías sen aval escrito. Hoxendía é imposible explicar a Rosalía sen pasar polas súas investigacións. Tamén contribuíu a cambiar a imaxe escura da escritora galega que o propio Murguía fomentou. No enfoque feminista ambas parécense tamén. Non é un discurso explícito pero das súas palabras despréndese unha visión solidaria da muller coa muller.

Hoxe • 19.00 horas • Auditorio Concello de Vigo • O acto está organizado pola Secretaría de Política Lingüística da Xunta, o IES de Mos e o Club de Lectura Amibros. A escritora María Xosé Queizán, Carmeliña e Montse Copa lerán poemas de Rosalía. A homenaxe rematará coa intervención do viúvo de Victoria Álvarez, Alonso Montero.