Francisco Xabier Almuíña Chorén: «Engancheime á música e son o único cego de verdade que toca a zanfona»

Di que «o turismo debe ser elemento de enganche e asentamento de novos veciños»

;
Francisco Xabier Almuíña Chorén, invidente que toca la zanfona

santiago / la voz

Vén todos os venres ao Auditorio de Galicia, desde a Ribeira Sacra, a recibir clases de zanfona e canto. Francisco Xabier Almuíña Chorén (Santiago, 1960) criouse no Pexigo de Abaixo «entre conventos e mosteiros». Os colexios de San Pelayo -aínda lembra con agarimo a sor María Benedicta-, o recentemente desaparecido dos xesuítas, San Francisco Javier, e La Salle foron os centros onde estudou antes do traslado familiar a Vigo. «O club Polaris, fundado polo irmán Manuel Carreira, foi unha escola de aprendizaxe que a min me axudou moito na vida. Poñer as cousas en común, escoitar, poñerte no lugar do outro, analizar as cousas e tomar decisións foron calidades que eu mamei aí. Aínda este Nadal fixemos un xantar de reencontro logo dunha chea de tempo», rememora Francisco Xabier, que quedou invidente hai sete anos.

Lonxe de virse abaixo, adaptouse «moi ben» á súa nova situación e non garda «ningún resentimento» polo que lle pasou: «Hai que levantarse e, ademais, teño moi bo carácter. Sigo sentíndome un privilexiado, pola familia, os amigos e a cobertura social que teño. Entón engancheime á música, e agora son o único cego de verdade que toca a zanfona». Hoxe en día chámano para dar concertos ou complementar eventos, como presentacións de libros e outras actividades culturais. Coa ONCE fixo unha xira por Ourense, Vigo, Pontevedra e A Coruña. «Son concertos moi pedagóxicos e participativos -engade-. Hai que romper con esa idea de que son gaiteiradas ou cousas do pasado. Á xente maior gústanlle moito. Temos un patrimonio galego espectacular de cantos de cego, así que temos a obriga de seguir creando memoria». Trátase de pezas e romances cheos de ironía e picardía. Entusiasmado coa súa afección musical, xa pensa en facer un disco con composicións propias. «Quero dar visibilidade e normalizar que os discapacitados somos creativos e tamén posuímos as nosas habilidades, tal como recoñeceron no cine os premios Goya», sostén.

A este santiagués, que pertence á primeira promoción de Enfermaría de Vigo, faltáballe ese «elo» que o conectase aos seus avós de Vilela, en Taboada (Lugo), polo que rehabilitar a casa familiar e convertela nun establecemento de turismo rural pareceulle unha opción de futuro, «ademais dunha idea romántica», e así naceu a actual Casa do Romualdo hai case vinte anos no lugar de Vilar. «Foi un cambio grande na miña vida e a realización dun soño. Eu, que traballaba de enfermeiro, cambiei o ámbito hospitalario polo da hospitalidade». Un home afable e participativo coma el -leva máis de cincuenta anos metido en movementos asociativos- parecía destinado a liderar a Asociación Profesional Ribeira Sacra Rural, entidade que tamén fundou con outros emprendedores.

Agora, como firme valedor do territorio onde reside e traballa, Almuíña ten claro o futuro desta comarca que agrupa a trece concellos lugueses e nove ourensáns: «Os protagonistas debemos ser nós. O turismo debe ser un elemento de enganche e asentamento de novos veciños. As novas realidades da Ribeira Sacra son madrileños e europeos que se namoran do lugar, rehabilitan e logo venden produtos da terra por Internet». Pero tamén advirte do perigo de que se converta nun «parque temático, porque é un espazo moi sensible. Hai moito máis ca auga e viño».

Entre tanto, Francisco vive, «feliz», na casa dos devanceiros, na compaña da súa muller, Chon, e os fillos: Lucía, Raquel e Antón e compartindo a leira cos burriños Platón e Lerelai. Mais sempre argallando proxectos colectivos, como aquel plan comunitario do casco vello compostelán que axudara a implantar sendo ben noviño, en aras do ben común. Fai falta máis xente así.

O protagonista. Francisco Xabier Almuíña Chorén, compostelán de 1960, é músico e cantor, actividades que compaxina na actualidade coa presidencia da Asociación Profesional Ribeira Sacra Cultural, entidade que fundou.

Profesional e participativo. Almuíña, que pertence á primeira promoción de Enfermaría de Vigo, é un activo defensor do patrimonio cultural galego.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

Francisco Xabier Almuíña Chorén: «Engancheime á música e son o único cego de verdade que toca a zanfona»