«As novas xeracións non coñecen a Transición»

O profesor falará hoxe en Vigo sobre o ocorrido na cidade coa folga de 1972 e o movemento social contra a ditadura


vigo / la voz

Ás 19.30 horas, no salón de actos do Marco, o profesor da Universidade de Santiago de Compostela Carlos Barros desenvolverá hoxe unha conferencia titulada Como fixemo-la Transición en Vigo. Está incluída no do ciclo que organiza ao longo do ano o Instituto de Estudios Vigueses. Barros non só chega a esta cita como profesor de Historia senón que enriquece a conferencia aportando a súa propia experiencia, xa que participou nos propios feitos dende o seu importante cargo no Partido Comunista de Galicia.

-Por onde vai transitar a conferencia?

-Repasarei acontecementos sociais e políticos entre a folga de 1972 e o referendo do estatuto de autonomía en 1980. Farei fincapé principalmente na manifestación do 4 de Nadal de 1977 para ver cal foi a colaboración principal de Vigo no tránsito da ditadura á democracia.

-Que importancia tivo a cidade de Vigo en todo ese contexto global?

-Vigo naquel momento era a poboación máis grande de Galicia pero tamén era a capital industrial. Había un movemento obreiro moi forte que se iniciara coa folga de 1962, pero sobre todo coa folga xeral de 1972, que empezou cun paro en Citroén por reivindicacións laborais pero que se transformou co apoio do resto das fábricas nun movemento social e democrático contra a ditadura. Hai que recordar que, daquela, calquera folga ou manifestación libre de opinión era castigada duramente. Así, calquera reivindicación laboral transformábase nunha reivindicación política.

-E cal foi o papel que xogaron os partidos clandestinos?

-Falo do movemento sindical porque era a clase maioritaria e era a base social do movemento democrático, pero os partidos tamén estabamos organizados na clandestinidade. Creamos unha plataforma democrática por iniciativa do Partido Comunista de Galicia, do que eu era dirixente, porque tiñamos a maior responsabilidade na loita antifranquista en Vigo. En 1974 creamos a Xunta Democrática de Vigo, na que non estaba aínda o PSOE. Posteriormente, xuntámonos ambas plataformas no que se chamou a Platajunta, e entre todos creouse a Táboa Democrática de Vigo. Finalmente, o órgano político máis amplo foi a coordinadora que convocou en Nadal de 1977 a gran manifestación, na que participaron 300.000 persoas. Vigo foi dunha importancia central, sobre todo, no proceso autonómico.

-Como reaccionou o réxime ante aquilo?

-Nos seus derradeiros anos, o franquismo xerou unha intensa corrente reformista, especialmente a partir de Adolfo Suárez. Aquí, puidemos en 1976 desenvolver unha manifestación a prol da amnistía de xeito autorizado. Eu negociei co gobernador civil de Pontevedra, Gervasio Martínez, que era un home de Suárez, e deixou nas nosas mans, especialmente no PCG, o servizo de orde e retirou á policía; puidemos manifestarnos con toda liberdade. Tamén nos apoiou o alcalde Joaquín García Picher. Xogou un papel moi importante porque facilitou dende o Concello que a manifestación fora autorizada. Pódese dicir que tivemos o apoio do sector reformista do réxime, un sector que tiña unha loita moi dura co sector máis ultra.

-Estivo integrado o galeguismo naquel movemento?

-Todos sentiámonos dentro del do galeguismo, pero organizado e con filiación se incorporaron na coordinadora, a partir do 4 de Nadal de 1977, o Partido Popular Galego, de Isla Couto, e o Partido Galego Socialdemócrata, de Alfonso Zulueta. Pero xa antes estaba na xunta democrática de Vigo Valentín Paz Andrade, que despois tamén presidiu a Xunta Democrática de Galicia. Paz Andrade foi nomeado por todos os grupos para representar a Galicia no ano 1977 na negociación que tiveron as forzas democráticas con Adolfo Suárez.

-Aquel movemento continuou despois ata acadar o estatuto de autonomía. Que importancia tivo o que acontecía en Vigo no contexto español?

-Moita. Nós conseguimos ter un representante entre as nove persoas que negociaron con Suárez e logo, xa no proceso autonómico, que nos deran as mesmas posibilidades que a Cataluña e o País Vasco para acceder á autonomía. No ano 1979 houbo outro 4 de Nadal, que se chamou o «do aldraxe». Sectores de Unión de Centro Democráctico (UCD) querían rebaixar o nivel do estatuto galego para que o resto das rexións no reclamasen. Foi un éxito porque Suárez decatouse do erro e a partir de aí entrou nunhas negociación que derivaron no Pacto do Hostal, que deu paso ao estatuto actual.

-Foi ben explicada a Transición ás novas xeracións?

-A razón desta conferencia é o silencio que existe sobre a movilización social durante a Transición. Ese silencio xerou unha distancia entre as institucións democráticas que construímos naquel momento e á xente, que ás veces desprestixia esas institucións logradas. Se reivindicáramos o papel da sociedade civil naquel momento habería maior entendemento por parte das novas xeracións coas institucións actuais. Non coñecen o que pasou naquel tempo porque se deu, interesadamente, unha visión da Transición como un pacto entre cúpulas cunha concesión do franquismo a través dos seus sectores máis abertos. Iso é unha manipulación histórica. Para os que vivimos aquel momento, a democracia foi unha conquista que tivo os seus custes porque, por exemplo, moitas persoas non puideron traballar entre 1972 e a amnistía sindical de 1977.

«Deuse unha visión interesada dun pacto entre cúpulas, cunha concesión de parte do franquismo»

«O paro de Citroën transformouse nun movemento social co apoio do resto das fábricas»

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«As novas xeracións non coñecen a Transición»