«Eu adoito fuxir sempre dos discursos moralistas e didácticos»

A escritora viguesa presenta hoy «A balada dos unicornios», novela que obtivo o premio Lazarillo


Ledicia Costas (Vigo, 1979) presenta hoxe mércores, ás 19.30 horas, na Casa do Libro a súa nova novela A balada dos unicornios (Xerais), que tamén sae en castelán coa editorial Anaya.

-Participou na decisión de editar o libro coas tapas duras e un deseño tan clásico?

-Para min é un luxo porque hoxe custa moito en Galicia atopar libros de tapas duras e ilustrados. A min gústame moito ese concepto de libro bonito e obxecto. Estou contentísima.

-Que nos quere contar neste historia?

-Quero contar unha historia de fantasía steampunk, que é como lle chaman a esta estética ambientada no Londres vitoriano. Imos atopar aventuras, personaxes, como Jack o Destripador e, sobre todo, unha loita entre corvos e unicornios. Aí está a fantasía máis pura.

-É unha loita entre o ben e o mal?

-Si, o ben vén representado polas albinas, as meigas brancas, que son as unicornios; e logo temos o clan das córvidas, que representan ao mal. Imos tamén a atopar una escola de artefactos e oficios.

-Ten que ver coa nosa Escola de Artes e Oficios?

-Si, eu quería crear unha institución para mentes brillantes capaces de crear e construír as invencións máis estrafalarias, así que dixen que podíamos levar a nosa Escola de Artes e Oficios de Vigo ao Londres vitoriano. É una escola gobernada pola perversa Cornelia, a raíña das córvidas.

-Que lle proporciona a fantasía?

-A min gústame moitísimo a fantasía, e sei que é unha aposta arriscada porque non é unha fantasía amable. O lectorado vai atopar capítulos cheos de descrición de lugares moi fermosos, pero tamén vai atopar a parte cruel; temos un asasino como Jack O Destripador, un tipo que se dedicaba a matar prostitutas. A fantasía dáme a posibilidade de ser absolutamente libre e de crear universos ricos, vizosos e ponderosos nos que eu me sinto realmente cómoda.

-Hai unha intención moralizante?

-Eu non son nada moralista e adoito fuxir sempre dos discursos moralistas e didácticos. Eu constrúo un universo e unha historia, que neste caso é unha persecución ou unha busca do xeito de salvarlle a vida a un amigo. Claro que aí se mesturan sentimentos que son comúns a todos os seres humanos, como o odio, a vinganza ou o amor. Cada lector ou lectora poderá sacar as súas propias conclusións, pero intento non dar leccións.

-Vai dirixido a algún sector de público?

-Eu entendo que hai que poñer etiquetas, pero ao final creo que hai historias clásicas e contemporáneas que poden ser gozadas por todo tipo de públicos. Creo que é fantástico que o poda ler un rapaz ou rapaza de 13 ou 14 anos, pero tamén un adulto. As historias de aventuras teñen esa vantaxe, que o seu espectro de lector é moi amplo.

-O asunto é escribila ben.

-Iso teñen que dicilo os lectores, eu intento facelo o mellor que podo porque poño todo da miña parte.

-Algo terá de certo se acadou, por segunda vez, o premio Lazarillo.

-Cando un libro sae cun premio como é o Lazarillo, que é o máis antigo do Estado español, é un aval de calidade, claro. Facilita que sexa máis visible, que haxa outra atención. A min este premio dáme moito orgullo porque eu presentei a obra en galego e o xurado era de toda España, con representantes das catro linguas. Faime sentir orgullosa porque é unha obra escrita en lingua galega e premiada nun ámbito global.

-Vostede está demostrando que escribindo en galego pódese chegar a ser traducida ao coreano, como vaille ocorrer a «Escarlatina».

-¡A Corea e a Bulgaria! Van saír dous libros meus en búlgado, o de Jules Verne e Escarlatina, pero o de Corea é xenial polo exótico dos seus caracteres. Co galego podemos chegar a lugares tan alonxados coma Corea. Pouco a pouco estou conseguindo iso que tanto me preocupa coma é a internacionalización da lingua galega.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Eu adoito fuxir sempre dos discursos moralistas e didácticos»