Para poder falar de cidades fermosas

Xosé M. Buxán Bran

VIGO CIUDAD

20 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

É moi importante saber distinguir sobre o lugar onde se realiza un grafiti, porque cando estes se fan nun muro de pechamento de ladrillo, ou encalado, ou nun valo metálico, ou noutro de obra feito con táboas, ou en certos muros de formigón aí o grafiti pode acadar un enorme interese plástico e artístico.

De feito, percorrendo Vigo un pode atopar exemplos disos que, no canto de ser calificados de pintadas vandálicas, resultan a todas luces unha sorte de imaxinativa e insubmisa pintada mural.

Outra cousa ben distinta son aqueles grafitis e tags (sinaturas) que atentan sobre o patrimonio arquitectónico e que agreden eses paramentos de pedra traballados hai 50 ou 100 anos polos nosos mestres canteiros galegos. Ou que o fan sobre unha porta de madeira laboreada hai 70 anos e que dá acceso a unha vivienda.

Por desgraza, aí xustamente e neses casos radica o problema e desos hai na actualidade demasiados exemplos en Vigo. Non pode ser que a arquitectura dos séculos XIX e até os anos 50 do século pasado que tanto carácter lle deu a ese rico patrimonio vigués industrial e burgués, poida ser agredida con pintadas que danan tan agresivamente o granito.

Se de verdade vivísemos nunha cidade fermosa, como di o eslogan municipal, esas pintadas só durarían unhas poucas horas nos sillares das nosas casas, porque serían de inmediato eliminadas acaídamente e profesionalmente (con medios técnicos sen dúbida máis complexos que os habituais na limpeza das nosas rúas) polos traballadores da limpeza. Porque o asunto da máxima celeridade na limpeza absoluta dos grafitis non é cousa menor. Calquera que coñeza o desenvolvemento das pintadas sabe que é crucial a súa inmediata limpeza, porque do contrario unhas pintadas chaman a outras nun bucle endiañado e a cada paso máis agresivo. Algo que está xa a ocorrer en Vigo en demasiados casos.

Un acto vandálico de agresión ao patrimonio convida ao seguinte a continuar a agresión tamén coa súa nova sinatura nunha suma e segue de agresións a cada paso máis dañinas sobre o patrimonio cultural da cidade.

E por certo, dá igual que o edificio estea abandonado ou habitado, segue a ser a mellor arquitectura que temos, moi por riba por suposto de toda a vulgar construcción desarrollista feita a partir dos anos sesenta que aí si, non nos ditingue de calquera outra cidade impersoal.

A cuestión do patrimonio arquitectónico do século XIX e primeira metade do XX é algo que aínda non semella resolto en Vigo e segue sen estar protexido coas máximas garantías polo Concello e pola Xunta, porque non doutro xeito se pode entender a perda constante de edificios en sillería deses séculos que, insisto, configuraron o carácter e a estética de Vigo e que seguen a ser destruídos decote (por exemplo velaí a antiga Residencia dos Anciáns do Paseo de Alfonso, de estilo neogótico, da que serán demolidas as súas ás laterais en pedra de silleria e fiestras apuntadas e só ficará a fachada da súa capela central!). Pero ese sería outro debate.

Digamos para acabar que ter cidades con árbores frondosas, arquitectura deminónica feita en pedra que estea habitada, limpa e protexida son en realidade os únicos requisitos que adoitan ter moitas desas cidades do mundo nos que o consenso xeral fala de belas e fermosas cidades.