José María Eiros Bouza: «De Cunqueiro, os médicos debemos aprender a visión de conxunto do doente»

O médico, afincado en Valladolid, dá mañá unha conferencia sobre o autor galego no hospital ao que lle dá nome

.

Vigo / la voz

A conversa comeza en castelán. José María Eiros naceu en Mondoñedo en 1959, pero marchou aos dez anos e a súa vida transcorre en Valladolid, onde é médico, catedrático e foi xerente de hospital; tamén foi deputado desa provincia polo PP. É o xornalista quen comeza en castelán para falar sobre a conferencia que ofrece mañá en Vigo sobre a relación de Álvaro Cunqueiro coa medicina no hospital que leva o seu nome e que cumpre tres anos (13.30, salón de actos do HAC). Fala por teléfono, dende o seu despacho de xefe do servizo de microbioloxía do Hospital Universitario Río Hortega de Valladolid cando, de súpeto, decátase de que algo non vai ben.

-Pero espere. ¡Es que hablar de Cunqueiro en castellano...! ¿Impórtalle que falemos en galego?

E non importa. O seu falar ten xiros cunqueirianos -pronuncia «esprito», «deprender», «sobor de todo»...-. Como ademais fala sobre o escritor, a conversa devén dobremente cunqueiriana.

-E logo, despois de tantos anos vivindo fóra, ¿aínda fala o galego?

-É que eu nunca deixei de vivir en Mondoñedo, teño casa alí e vive meu pai. Eu identifícome un pouco con Cunqueiro, que cando vai para o instituto, atópase cun mapa de Domingo Fontán e di que se atopa co país galego, a súa vocación, «a terra da miña lingua, do escuro acento galego». Ese é o meu acento. Eu penso en galego.

-¿En Valladolid?

-Diante dun doente de Terra de Campos, non; pero se algo atrae de Cunqueiro é que un pode mimetizar cos seus personaxes.

-¿Como pensa en galego un médico?

-Cunqueiro propón situarse diante do doente e darlle solucións non só para o problema médico, senón para o seu acertixo existencial. É o que facían os médicos da súa Escola de menciñeiros: collen a faciana da vida que mellor lles pode facilitar resolver o problema asistencial.

-Aínda que non é médico, ¿os médicos poden aprender moito de Cunqueiro?

-Sen dúbida. Os métodos de tratamento que aplican os menciñeiros de Cunqueiro, o feito de comprender ao enfermo e abarcar a existencia do doente é algo que non se debe esquecer.

-¿Como son eses métodos?

-Eu estiven nun servizo de cardioloxía dun hospital español que tiña escrito no mural da sala de sesións clínicas unha frase de Valentín Fuster: «O cardiólogo que non saibe adicarlle a un paciente 20 ou 30 minutos non merece ser chamado médico». Iso xa o sinalara Cunqueiro tempo antes. Os seus menciñeiros Perrón de Braña ou Pardo de Lagoa botaban tempo a carón do seu doente.

-Vostede que coñece o sistema dende moitos ángulos sabe que iso é algo que moitos médicos non poderían facer aínda que quixesen. Non teñen tempo.

-É certo, non se pode; sobre todo, nos pacientes ingresados. Os médicos viven queimados.

-¿Que lle parece que un hospital leve o nome de Cunqueiro, que non era médico?

-Brillante. Ten un fondo de recoñecer a alguén como don Álvaro, ao que en vida non se lle recoñeceu o moito que achegou á literatura pero tamén é un recoñecemento á sua visión da vida. Cunqueiro é un gran coñecedor da alma do ser humano, que transmite que un doente acude a un hospital a ser curado ou a ser acompañado.

-E el mesmo foi doente crónico, no Hospital Xeral de Vigo, como tanta xente.

-Pero como é delicado, fino de espírito, nunca verte a queixa ou a doenza naquilo que escribe. Libros como Os outros feirantes, ou Escola de Menciñeiros escríbeos na época viguesa e non inclúe nada persoal por pudor. Pero si, el mesmo ten vivenciado o que é un doente do noso país.

-¿Un doente do noso país? ¿E logo hai un xeito galego de ser enfermo?

-Absolutamente. Un galego non ten nada que ver con ningún outro ser do mundo. Eu vivín toda a vida fóra de Galicia e o feito de expresar unha doenza non ten nada que ver nun galego que coa claridade ou a dureza cun da provincia de Palencia. É ese deixar a medio dicir...

-Ollo que hai moitos médicos que se queixan diso. Que din que lle preguntan a un enfermo «¿E dóelle?», e lles contesta «Bueno...»... Non sempre lles axuda.

-Eu traballei de médico en Pedrafita. E había unha señora que o único que dicía era: «Eu revo».

-¿Revo?

-Si, si, do verbo rever, que é ir a menos [«Diminuír de tamaño, altura ou cantidade», di a Real Academia Galega]. Iso é unha descrición maxistral dun síndrome constitucional: febre, perda de peso... ¡a señora xa o contaba todo! Eu traballaba ao carón dun médico do alto Burgos e desesperábase. Dicíame: «Me dice ‘‘Eu revo’’, no le saco nada más». Pero ela contábao todo.

-¿Que aprendeu de Cunqueiro para o seu oficio?

-Dúas cousas. Unha é a visión de conxunto do paciente, non ver só unha infección senón velo como un todo. A outra é o escoitar agarimoso e acolledor que describe nos seus menciñeiros.

-E de todo isto falará na charla do venres.

-Si. Falo das súas fontes de coñecemento, que son as Terras de Miranda, a botica e seu pai. Falo tamén do seu xeito de aproximarse ao doente e ao menciñeiro. Ilustro con algún caso clínico. O meu obxectivo é animar a ler a Cunqueiro.

-Conte algún deses casos clínicos.

-Pois había un paciente que era prestamista. Tiña un cadro clínico que a medicina oficial non lle acertaba. Os sobriños chaman ao menciñeiro Lamas Vello e este resolve o caso aconsellando ao home que cambie de entorno vital: múdase á Mariña de Lugo, vive de pedir esmola, non leva cartos... Faino e cura do corpo e mellora da alma. E Cunqueiro di: «Chegou aos 90».

-¿E que tiña?

-Un cadro de suor alterada, non durmía... O que tiña era ansia e nada máis. Polos cartos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

José María Eiros Bouza: «De Cunqueiro, os médicos debemos aprender a visión de conxunto do doente»