Historias de Vigo

Eduardo Rolland
Eduardo Rolland LA BUJÍA

VIGO CIUDAD

18 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte pasei pola miña libraría de cabeceira para recoller un libro que levaba tempo esperando. «Xa chegou!», díxome Sabela, que rexenta Versus con amor infinito. Aínda que lle teño posto os cornos con Jeff Bezos, cando non atopo algunha cousa rara e remato en Amazon, non imaxino o día no que xa non existan os libreiros e as libreiras como Sabela. Se vai chegar ese futuro, este mundo vai pagar pouco a pena. O libro que esperaba é Historias de Vigo, editado por Xerais, obra do xornalista e historiador Jorge Lamas, que tivo a deferencia de publicar esta obra para que poidamos falar ben dun colega, cando o habitual é o contrario, do cal sobran exemplos.

Recoñezo, neste caso, que falar ben é moi doado. Non só porque coñezo a Jorge dende hai unha chea de anos, e xa debatiamos sobre Vigo en lugares tan pouco ortodoxos como na Trincheira, dándolle a turra a Dani, que o aturaba todo. Senón porque estas ‘Historias de Vigo’ son de feito unha marabilla. Como di na presentación, hai aquí máis de douscentos mil anos desta terra, contados ademais coa mestría do noso compañeiro Lamas. Eu xa era fan da sección «Eran outros tempos», que publicaba Jorge nestas mesmas páxinas. Onde fixo moitos descubrimentos históricos para Vigo, á marxe desa historia tradicional e tantas veces mal contada sobre a nosa cidade. E sigo a ser fan da súa bitácora en Internet, Del Berbés hacia arriba. Así que xa estou enfrascado nestas Historias de Vigo, que gozo como un xoguete. Ando como o asno de Buridán ou un neno ante un pastel: non sei por onde empezar e leo a chimpos. Vou polo índice, lendo a chou. O meu único temor é que, con este sistema, non vaia deixarme algo...