Rosa Fontaíña: «A cidadanía non se entera disto como non se enteraba das violacións»

m. otero VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

M.MORALEJO

As mulleres abrirán unha investigación se non se reducen as diferenzas no rueiro

13 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A desigualdade e a violencia que sofren as mulleres é unha das peores lacras da sociedade, para axudar a acabar con ela, Rosa Fontaíña leva tres décadas loitando na Rede de Mulleres e no Consello da Muller pero cre que aínda non se avanzou o suficiente.

-No rueiro de Vigo predominan os nomes de homes, ¿é hora de corrixir este desequilibrio?

-Claro. Levamos 25 anos reivindicando desde o Consello de Muller isto mesmo pero se leva conseguido moi pouco.

-Na loita pola igualdade, ¿que importancia ten darlle nome de mulleres ás rúas?

-Moitísima porque se estaría considerando que as mulleres teñen a mesma valía que os homes. Senón eles teñen moita máis valía e permanecen despois de finar, mentres que as mulleres quedan no anonimato. E moitas das rúas con nome de mulleres son recunchos.

-¿Por que é machista o rueiro?

-Non é porque non haxa propostas, fixéronse moitas pero nunca se levaron a cabo. Non só é culpa deste goberno, son todos. Os rueiros non teñen que ser só para persoas ilustres. Deben ser para persoas que loitaron contra a pobreza ou a desigualdade.

-¿Hai falta de vontade?

-Aos políticos sempre os teñen que estar empurrando a cidadanía. E a cidadanía nin se entera disto nin o ten en conta. Como tampouco se enteraban ata agora de que hai violacións, acoso ou desigualdade. Despois de tantísimos anos, a cidadanía está espertando agora. É terrible.

-¿Hai máis homes porque antes as mulleres non destacaban?

-Hai moitísimos anos que hai mulleres importantísimas: autoras, arquitectas, mestras... Nunca se considerou que tiñan que poñerlle un roteiro porque as comisións que deciden isto están compostas por homes que elixen a homes. Hai rueiros de homes que nin lles corresponden e outros que hai que ir borrando. Eles teñen que participar con nós para acadar esa igualdade. Para iso temos que concienciar, estar nas comisións e nos medios.

-De 1.699 rúas, só 48 con nome de muller, debe ser moi doloroso.

-Imaxínate. Cando falamos de Concepción Arenal ou Rosalía de Castro, que era moi cantoso que non tiveran unha rúa, de alí para aquí as cousas non cambiaron moito. Hai que facer unha valoración e ver nos últimos anos cantos roteiros levaron nome de home e cantos de muller. Para conseguir que se puxera unha plaquiña cun nome de muller houbo que facer unha revolución. É penoso. Pero seguiremos na loita e se o Concello di que non hai rúas, teremos que abrir unha investigación a ver que pasa con rúas que xa non deberían ter o nome que teñen.

-Parece cansa.

-É que todo hai que facelo con tanto esforzo... a loita é moi dura. Esperemos que haxa relevo, que a xuventude se implique. Forzas teño e cando teño que sacalas, as saco. Pero levo 30 anos, que é o mellor da vida, pelexando por todo e co convencemento de que as cousas poderían mellorar. O cal non quere dicir que non necesite descansar.

-¿Lográronse avances?

-Eu sempre digo que se conseguiu moi pouco, tíñase que ter avanzado moito máis.