A Xunta elixe as Cíes para promover a candidatura do parque nacional

manu otero VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

MANU OTERO

Cen alumnos dos catro concellos con illas celebran o Día do Libro

24 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Un cento de escolares procedentes dos catro municipios aos que pertencen os catro arquipélagos que integran o Parque Nacional das Illas Atlánticas -Vigo, Bueu, Vilagarcía e Ribeira- participaron onte nunha visita ás illas Cíes para celebrar o Día do Libro. Durante a excursión os alumnos recibiron unha guía turística do parque, cos Bolechas como protagonistas, que inclúe consellos e recomendacións para coidar o medio ambiente, así como un conto no que cobran protagonismo as paraxes máis máxicas das Cíes.

Non arroxar lixo, nin levar cunchas, area ou pedras, son algúns dos ensinos aprendidos polos pequenos. Moitos deles descubriron por primeira vez as Cíes pero a reacción foi unánime. «É un paraíso», exclamaban moitos deles con só pisar o peirao de Rodas. Tras facerse unha foto de familia, os nenos dividíronse en pequenos grupos para, acompañados por un guía e un monitor, visitar os puntos máis interesantes da illa e recibir explicacións de por que é tan importante conservar o parque.

Os obxectivos da Xunta que levaron á organización desta actividade pasaban pola celebración do Día do libro, promocionar a candidatura do parque nacional a patrimonio da humanidade e conmemorar a celebración do ano europeo de patrimonio cultural que este mes está dedicado a este parque. «É fundamental a implicación das novas xeracións, na defensa e revitalización dos tesouros que herdamos dos nosos antepasados como a paisaxe, ou medio natural, as festas ou a propia lingua», explicou o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, que acompañou aos escolares no paseo polas illas.

«O que máis me gustou das Cíes é a praia e o mar, porque está moi clariño», dicía Micael, do colexio Ría de Vigo, mentres o resto dos seus compañeiros asentían riseiros. A limpeza da contorna foi outro dos aspectos que máis chamou a atención dos pequenos. «Na praia de Canido a xente tira as cousas ao chan, aquí non», dixo, moi concienciado co medio ambiente, Miguel, tamén alumno do Ría de Vigo. Pero o que máis gustou da visita non foi nin a area, nin o lago, nin o mar. «Os Bolechas molan un montón», exclamou Dani para deixar claro que foi o mellor da excursión.

Disputa política

Sobre a candidatura do parque nacional a patrimonio da humanidade, o conselleiro destacou que é a «única» candidatura e que actualmente están a colaborar con diversos organismos para seguir avanzando cara ao obxectivo. A esta visita referiuse o alcalde de Vigo, Abel Caballero, «promocionan todas as illas, pero veñen ás Cíes», dixo o rexedor, convencido de que a candidatura fracasará porque «algúns dos outros arquipélagos non reúnen os requisitos».