«Estamos preocupados, pero hai que afrontalo e sumar nove puntos»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Oscar Vazquez

Considera que o equipo non lle soubo tomar o pulso á competición e se atopou unha liga máis física da prevista

10 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Coruxo encara as cinco últimas xornadas da liga encaixado no posto de play-out, pelexando xunto con outros cinco equipos por evitar o descenso directo e o posto de promoción. A derrota fronte ao Celta B do domingo foi un pau, pero hai que mirar á fronte, defende Gustavo Falque (Vigo, 1956), máximo responsable da entidade deportiva, que non agocha a inquedanza que lles produce a situación.

-¿Está preocupado pola clasificación do Coruxo?

-A situación non é cómoda, estamos preocupados todos, pero hai que afrontar a realidade, pensar no que queda e tentar gañar tres partidos. Hai que tentar sumar nove puntos para facer os 46 que nos darían a tranquilidade.

-¿Sorpréndelle ver ao equipo pasar estes apuros?

-Si, a verdade é que non esperabamos isto. Sempre pensamos que había unha plantilla con moita solvencia, incluso para loitar por máis cousas este ano, pero a realidade dinos que hai algo que non funciona e, evidentemente, o culpable, se hai que ter algún porque non ten por que habelos, son eu. Son o responsable de ter feito esa plantilla, do corpo técnico e demais.

-Entendo que lle daría moitas voltas á situación. ¿Que cre que non funcionou este ano?

-Téñolle dado moitísimas voltas e é complicado. É verdade que nos atopamos cunha competición que non agardabamos, máis física, de moita presión, cando agardabamos unha de máis xogo. Nese sentido si nos equivocamos.

-Curiosamente, esta tempada profesionalizouse o equipo.

-Si, o cambio realmente xa se produciu hai un par de anos, pero este ano o club estaba máis profesionalizado e entendiamos que conseguiramos unha serie de melloras que ían traer consigo beneficios a nivel de traballo, pero algunhas veces as cousas non van como un predispón e polos motivos que sexan non saen as cousas. Atopamos atrancos nalgúns temas e está sendo un curso difícil. Levamos oito anos nesta categoría, case sempre con moita tranquilidade, pero este ano todo se complicou.

-¿Cales son eses atrancos?

-Desde principio de tempada non lle atopamos o ritmo, a fórmula, á competición. Empezamos mal e seguimos mal durante todo o ano. Gañamos dous partidos seguidos algunhas veces, pero sacar catro ou cinco resultados positivos, que noutras tempadas pasaba moi fácil, este ano non. Aí hai unha parte que pode ser de planificación por parte do club, pola miña parte, e despois tamén dentro da propia plantilla, que non se adaptou, nin o corpo técnico, á competición que tiñan diante. Pero por encima de todo hai que pensar que o principal é salvar a categoría aínda que o consigamos no último partido. Por tanto, hai que seguir crendo que se pode facer.

-Rápido de Bouzas, Cerceda, Toledo, Fuenlabrada e Sanse. ¿Mira moito o calendario?

-Nada de nada. Só sei o seguinte partido que temos que xogar e é o que me preocupa. Isto é fútbol e podes gañarlle ao que vai de primeiro e perder co último. Temos que conseguir, mínimo, sete puntos, e nove daríannos a tranquilidade.

-¿Que ambiente reina no vestiario?

-A plantilla é un grupo moi bo, hai un ambiente moi bo dentro do vestiario, e hai certa tranquilidade. Pero, evidentemente, a todos nos pesa chegar a estas alturas e verte moi xusto.

-Vostede é tamén vicepresidente da Federación Galega. ¿Que pensa cando ve a tres equipos galegos pelexando por non baixar?

-Dáme rabia porque ao final cantos máis descendamos máis complicaremos a vida a outros equipos porque por arrastre deberán perder a categoría.