«Somos vigueses pero dámoslles a benvida ás xentes da contorna»

VIGO CIUDAD

M.MORALEJO

Os organizadores da Festa da Reconquista ultiman os detalles para a celebración da fin de semana

04 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os veciños do Casco Vello apuran os preparativos para a Festa da Reconquista da Vila de Vigo que terá lugar este vindeiro fin de semana. Fiz Axeitos é un dos cen veciños encargados de organizar este gran evento que é festa de interese turístico galego.

-¿Que é o que máis hai que ensaiar estes días previos?

-Hai que aprender a esquivar as balas (ri). Non, cada ano xúntanse máis persoas e as hai que cambian de personaxe polo que non todo o mundo lle ten collido os tempos dos movementos en grupos. Iso é o que ensaiamos estes días.

-¿Cantas persoas participan?

-Agardamos ser máis de seiscentas persoas caracterizadas para levar adiante a Reconquista da vila de Vigo.

-¿Falta xente voluntaria?

-Non sobra ninguén, o único límite que temos é capacidade das propias rúas. Hai puntos nos que as rúas son máis estreitas polo que se fan máis longas as colas, pero despois, tanto na Porta do Sol como na Laxe collemos moi ben todos os participantes.

-¿Cal será o punto forte?

-Toda a actividade que facemos está centrada na gran representación do domingo, o resto é para darlle forza. É cando enchemos o peito para dicirlles que estamos aquí. Somos vigueses, pero non podemos menos valorar que xa daquela viu xente a axudar dende O Morrazo, O Condado, O Val Miñor, etc. Si somos vigueses pero dámoslle a benvida a todas as persoas da contorna.

-¿Hai plan contra a chuvia?

-Só o coñecido dito: ao mal tempo, boa cara. É o único que non está nas nosas mans. Teremos que aguanta co que veña, como facemos sempre, porque en 24 anos nunca a suspendimos. Nós mollámonos por Vigo, iso si que é pode ser o lema deste ano.

-¿É a recreación para nenos a canteira da festa?

-Si, creamos a nosa canteira da casa porque participan os colexios que están na contorna do barrio. Son sete colexios, con 600 alumnos caracterizados e armados con tambores, a ver se nos axudan a espantar ao mal tempo con esa gran treboada.

-¿Cando se comeza a organizar a festa?

-Nós dicimos que comezamos a organizala no ano 1994 porque practicamente leva todo o ano. Agora, cando remate, tomámonos un tempo para avaliar os resultados, e iso axudaranos para o ano seguinte.

-¿Que fai falta para que sexa festa de interese turístico de toda España?

-Estamos nelo; agardamos a pasar a festa para presentar a candidatura formal. Os trámites xa están iniciados e agardamos que para o ano que vén, que facemos 25 anos, poidamos celebraba como festa de interese turístico de todo o Estado.

-¿Teñen suficiente apoio oficial?

-Si, pero sempre hai que pedir máis. Coma é lóxico, sempre imos pedir o máximo. Pero non estamos descontentos co apoio municipal.