«Máis ca argumentos futbolísticos, o que vai influír é o factor mental»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

LOF

O Coruxo, cun só punto sobre o descenso, prepárase para dous partidos claves contra rivais directos

08 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cun só punto sobre o posto de play-out que ocupa o Pontevedra e o de descenso que ocupa a Gimnástica Segoviana. Esa é a situación na que se atopa un Coruxo que, case sen decatarse, foise metendo en serios apuros. O seu adestrador, Rafa Sáez (Pontevedra, 1962), recoñece que o momento é delicado pero apela á tranquilidade. É o camiño máis axeitado para manter a categoría. 

-¿Aínda están tranquilos ou xa reina a preocupación?

-As dúas cousas son obrigadas. Debemos estar tranquilos, porque iso vainos permitir xestionar mellor a situación, pero evidentemente temos preocupación porque vemos que cada vez quedan menos partidos e non somos capaces de poñer distancia cos equipos que nos perseguen da zona baixa.

-¿Como chegaron ata aquí?

-Estamos nunha situación particular, pero tamén vemos que nos últimos seis postos hai catro equipos galegos e os madrileños están todos do décimo para arriba. Co cambio de grupo o nivel aumentou e iso é un engadido para que o equipo non arrancase con máis forza e se fora metendo pouco a pouco nesta situación.

-Son, xunto co Cerceda, o equipo que máis encaixa.

-Só en seis xornadas fomos quen de deixar a portería a cero, pero tamén é certo que noutras seis xornadas fomos quen de gañar por 1-0. E un pouco é froito das circunstancias. Como no último día, que perdemos 2-0 en Guijuelo, cando no minuto 80 tiñamos o partido completamente dominado. Pero a competición vaite penalizando nese sentido.

-¿Como se afasta un dos postos de perigo?

-Fundamentalmente, con tranquilidade para non cometer máis erros dos que cometes, e cun compromiso total do vestiario e do club. E con moita confianza. Máis ca argumentos futbolísticos, técnico-tácticos e de plantexamentos, o que máis vai influír é o factor mental. O equipo que teña a cabeza máis dura para soportar os momentos difíciles vai ter máis posibilidades de sacar adiante a situación.

-Ten un calendario moi favorable no que se enfrontarán a catro equipos da zona baixa.

-O calendario dános a posibilidade de poder disputar a permanencia contra equipos que están con nós, pero non podemos desprezar ningún partido porque todos os puntos van a ser importantes. Eses encontros son os que van escribir a folla de ruta porque dependemos de nós mesmos.

-O máis inmediato son Pontevedra e Segoviana, os máis directos perseguidores.

-Son partidos que van marcar completamente o tramo final da competición. O feito de saír airosos daría marxe de manobra importante e o non facelo faría que foses moito máis esixido, traería máis incertidume e ansiedade, e o importante é fuxir diso.

-¿Mentalmente o vestiario está forte?

-Está ben, diría moi ben. Moi comprometido, moi sólido a nivel mental, ten facilidade para erguerse e é moi traballador. Nese sentido, o fútbol non lle está facendo xustiza por todo o que fai no día a día e nos partidos.

-O sábado enfróntase ao seu ex, o Pontevedra.

-Xa cruzamos camiños en moitas ocasións. Eu só penso en que o partido é crucial para o Coruxo e en que necesitamos que a xente nos arroupe.

-¿Que agarda dese derbi?

-Un partido de nervios, intensidade, disputado e que pode estar moi marcado pola climatoloxía. Dá moita choiva e nalgunhas fases pode custar xogar. Agardo un partido de alta tensión.

-¿Nalgún momento temeu polo seu posto, a tenor dos resultados?

-Érgome todos os días para ir traballar a Coruxo pensando en que o único que tento facer é mellorar o que fixen o día anterior e non penso nada máis. Son partícipe e cómplice de todo o que fan os xogadores, cando o fan ben e cando o fan mal e apoialos. Só penso en apoialos en todo momento para sacar isto adiante.