Marco na cidade creativa

Antón Patiño ARTISTA

VIGO CIUDAD

04 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Aexpresión «cidade creativa» foi creada nas últimas décadas. Adoita ser moi utilizada polos sociólogos. Figura moi axeitada para Vigo. Tivemos explosións de creatividade en momentos clave e coido que a fervenza creativa do Vigo actual non hai quen a pare. 

Destinar o Marco a unha actividade allea á arte contemporánea é un erro. Unha mostra como a de Verne (proxecto Armada e outras semellantes) poden realizarse dun xeito moito más axeitado na Casa das Artes. O antigo edificio do Banco de España ubicado nunha arteria central, ten o engadido do valor representacional na cerna simbólica da cidade.

O Marco ten un hándicap espacial que deriva da ríxida estrutura  panóptica. Un reto nada sinxelo que teñen que resolver con imaxinación en cada proposta.

Non se entenden as razóns para ocupar o Marco con actividades alleas á súa función de orixe. ¿Por que o Concello anuncia ese cambio de rumbo que afecta á credibilidade do proxecto?

Lembro participar hai anos nalgunha intensa xornada de debate onde convocaban a expertos a dar suxestións sobre a política cultural do Concello. Fora convidado a un encontro de participación dinámica xunto a medio cento de animadores, creadores, técnicos e expertos. Fora unha experiencia interesante da que saíron conclusións e un diagnóstico das carencias. 

Hai unha gran preocupación no resto do estado pola situación crítica do Marco. ¿Como é posible que non teña director? 

En Vigo coexisten distintas sensibilidades culturais que enriquecen a nosa vida. A cidade tivo resonancia cultural nos anos 30, veu logo a difícil recuperación. Aquí naceu a Editorial Galaxia. Aos poucos, Vigo mudou na capital da arte galega nun período que vai dende os faladoiros e tertulias dos 50 deica a ebulición dos 70. Foi o máis importante centro difusor e mercado da arte en Galicia.

Logo, acada o espazo central co movemento Atlántica, que dende aquí xerou a renovación da arte galega moderna na transición cara ao 2000. Vigo foi, xunto a Madrid, o referente da mocidade máis inqueda. Atlántica tiña coma obxectivo fundacional contribuír a que xurdira un espazo activo dedicado ás artes visuais. Tamén a que houbese un museo da arte galega.

Hoxendía pode acontecer o mesmo. Vigo está a piques dunha nova explosión creativa. O epicentro institucional pode ser o Marco. Nótase no ambiente unha sensación de fervenza creativa en todas as canles expresivas da cidade (arte, deseño, produción editorial, poesía, espazos alternativos, pequenas cooperativas da industria cultural, o novo cinema galego…). Aínda no contexto de precariedade actual hai o afán de facer da cidade unha capital cultural moderna.

Ás veces a clase política está afastada da realidade más innovadora e vive nunha burbulla de autocomplacencia, con pouco asesoramento.

A palabra clave é debate. Dialogo é sinónimo de cultura. Arte é sinónimo de liberdade. Sempre que se producen desencontros absurdos, barullo e ruído, o que se precisa son unhas liñas programáticas. É tan sinxelo que amola que non se intente…

«Arte+Vida» é o eslogan máis querido das vangardas históricas.  Na nosa cidade a xente ten moita curiosidade por coñecer as claves da arte contemporánea. A interacción entre arte e cultura é central para o desenvolvemento humano. Hai unha aprendizaxe da mirada. Un enriquecemento sensorial que agroma cando se desactivan prexuízos e tópicos.

Unha cousa é a creatividade e outra a cultura espectáculo. Na oferta cultural dunha cidade poden coexistir propostas diferentes. Non pode reinar un monocultivo excluínte. Non se pode converter toda a cidade nun parque temático.

O populismo ten un límite que agroma xusto cando refuga aos artistas e á xente do pensamento. Salta aí unha alarma. Precisamos un debate que permita acadar unhas conclusións axeitadas, nun consenso que faga da nosa cidade o que sempre foi: un referente decisivo das artes en Galicia e no resto do estado.

O Concello ten que apostar polo apoio nítido á creatividade da arte, como está a facer noutras áreas paralelas. Para que a xente nova e os artistas teñan canles de expresión en liberdade.