Martín Codax mirou xuntos á Universidade e á Academia Galega

La Voz VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Henrique Monteagudo explicou no Reitorado que o trobador xa emprega mirar por ver nas cantigas

02 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«É unha verdadeira honra e un pracer ter con nós a Real Academia Galega, non sabedes o verdadeiramente agradecidos que vos estamos por estar na nosa casa, que é tamén a vosa, e máis cando representades o berce máis importante da nosa identidade, que é a nosa lingua», dixo o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato a modo de benvida aos representantes da Real Academia Galega que participaron onte nun acto de despedida do Pergamiño Vindel, que a vindeira semana regresará a Nova Iork, tras permanecer varios meses exposto no Museo do Mar de Vigo.

Foi unha xornada académico-literaria organizada conxuntamente entre ambas institucións, celebrada no paraninfo da Reitoría que contou coas achegas da catedrática emérita de Filoloxía Camiño Noia, e dos académicos Xesús Alonso Montero e Henrique Monteagudo; a participación do reitor, Salustiano Mato; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; e o artista Roi Casal, encargado de interpretar varias composicións do xograr homenaxeado.

«Este é un acto para lembrar, para homenaxear, para reflexionar xuntos e para compartir a alegría de ter podido traer a Vigo desde Nova Iork o pergamiño de Martín Codax», subliñou o presidente da academia, Víctor Freixanes, que fixo tamén referencia ao ano 1998 cando a academia decidiu dedicar o Día das Letras aos trobadores do mar de Vigo, Johan de Cangas, Meendinho e Martín Codax. «Este é un acto que nos permite sentirnos orgullosos do que somos e do noso pasado e tamén con ganas de fabricar un futuro mellor para a nosa identidade propia, a nosa cultura e a nosa lingua», contestoulle Salustiano Mato.

A catedrática Camiño Noia convidou a repensar o feito de como chegaron á escritura as cantigas de amigo, cuxa procedencia, dixo, é fundamentalmente popular e feminina. «O mundo das mulleres, que se reflicte nas cantigas paralelísticas, é unha proba de que son imitacións das cantigas de muller», sinalou. A profesora subliñou que as cantigas de amigo, despois de seren interpretadas na oralidade, serían pasadas á escritura por encargo dalgún nobre, con capacidade de afrontar o custo dese traballo. «De quen é a rúbrica final? Quen escribiu a cantiga, quen a compuxo ou quen a interpretou? Todo isto coido que é moi inseguro e, polo tanto, pregúntome se detrás dalgunhas desas rúbricas está o traballo dunha muller, unha das soldadeiras ou xograresas das que nos falan os documentos», manifestou Camiño Noia.

Xa deténdose no caso concreto das cantigas de Martín Codax, o académico Henrique Monteagudo explorou o vocabulario máis específico do xograr. O académico chamou a atención sobre un vocábulo que a primeira vista pode pasar desapercibido. «No conxunto dos cancioneiros só empregan mirar outros dous autores: Pay Gomez Chariño e Pedro Eanes Solaz. Cómpre subliñar o feito rechamante de que os tres únicos trobadores que o usan procedían da contorna de Pontevedra. Esta é xustamente a área onde, na actualidade, se emprega mirar por ver. Xa que logo, ofrecen os testemuños máis antigos da primitiva difusión de mirar en galego», detallou Henrique Monteagudo.

O académico Xesús Alonso Montero foi o encargado de pechar a quenda de relatorios profundando nas sete cantigas recollidas no Pergamiño Vindel en conxunto, que para o académico conforman «unha noveliña dramática de amor». «As sete cantigas aparecen na mesma orde tanto nos cancioneiros apógrafos como no Pergamiño Vindel, polo que todo fai supoñer que esta é a orde en que o autor, Martín Codax, as escribiu», espuxo. «Neste macrotexto hai certa unidade e, polo tanto, para min cada unha das cantigas é un capítulo dunha historia amorosa dramática protagonizada por unha muller que está agardando o seu amigo, o seu amado», continúa.

O profesor considera que a primeira cantiga tamén podería ser en realidade o final da historia. «Nela a namorada interpela as ondas do mar, e un interpela a natureza cando xa non ten unha resposta satisfactoria dos amigos, veciños, parentes. Polo tanto a primeira composición nesta historia unitaria ben podería figurar como última», concluíu Alonso Montero.