Anaír Rodríguez: «O referente de muller é un estereotipo»

A autora viguesa Anair Rodríguez destaca na súa primeira obra a figura de doce galegas pioneiras


vigo / la voz

Anaír Rodríguez (Vigo, 1978) licenciouse en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo e traballa dende hai anos como editora en Edicións Xerais, pero agora, e por primeira vez, pásase ao outro lado do espello ao publicar o seu primeiro libro como autora, aínda que non se vexa ela nese papel. Pioneiras é a súa obra de debut. Non está soa, xa que é un álbum ilustrado pola arousá Nuria Díaz e nel o debuxo ten tanta importancia coma o texto. O libro destaca a traxectoria de doce mulleres galegas que conseguiron vencer as barreiras que lles impuxeron en diferentes ámbitos.

-É o seu primeiro libro pero fixo outros. Explíquese.

-Pois é doado. Son autora de libros de texto, teño feito manuais de ensino, pero non de creación ata o de agora.

-¿Que a animou a entrar nesa outra vertente?

-Foi bastante casual. Aínda que por interese propio, eu estaba seguindo as publicacións deste tipo que estaban saíndo a nivel internacional, tiña no traballo unha edición americana de mulleres científicas. A xefa de promocións de Xerais viuno e comentou que estaría ben facer o mesmo coas mulleres galegas. Aí empezou.

-¿Como se fixo a escolla das mulleres que finalmente saen no libro?

-Iso foi o máis complicado. Poderíamos escoller moitísimas máis, pero queríamos que fose un libro breve. O formato de álbum nos limitaba. Traballamos con dous criterios. Un é a época, de forma que abarcase un abano amplo de períodos históricos diferentes. Por iso primeira é Exeria, do século IV; e están Isabel Barreto, do século XVII; algunha do século XIX e a maioría do século XX, que é cando se dan as circunstancias para que haxa máis. O outro criterio era que fosen de ámbitos profesionais e sociais diversos. Por iso hai unha escritora, Exeria; unha futbolista, Irene González; unha navegante, Isabel Barreto; unha enfermeira, Isabel Zendal; unha gaiteira, Áurea Rodríguez; unha científica, Ángeles Alvariño; unha xornalista, Sofía Casanova...

-¿Todas primeiras en algo?

-Si. Circunscritas xeográficamente. Está documentado que Exeria, que era da Gallaecia, foi a primeira escritora da Hispania romana. Ou Olimpia Valencia, que foi a primeira galega licenciada en medicina. E a primeira xornalista, Sofía Casanova, elixímola porque foi a primeira correspondente de guerra que cubriu a primeira Guerra Mundial de maneira continuada para un xornal español. E María Luz Morales foi a primeira directora dun xornal, de La Vanguardia.

-¿Como atopou a Nuria Díaz?

-Fixémoslle a proposta porque xa traballara con Xerais e, sobre todo, porque é una das ilustradoras galegas actuais máis importantes. Eu coñecía o seu traballo e gústame moito. Ademais, traballa moito con personaxes femininos. Estou moi contenta co resultado. Conseguimos a estética que buscabamos.

-¿En que público pensaron?

-Está enfocado a nenos e nenas a partir dos oito anos. Queriamos que o ton do libro fose para todos os públicos, que non se identificase como puramente infantil nin que un adulto poida pensar que xa e maior para esa obra. Que fose unha lectura doada pero non infantil e creo que as ilustracións de Nuria Díaz tamén conseguiron iso.

-O importante en todo caso, é que os nenos coñezan eses personaxes que aínda hoxe é raro que estean nos temarios de clase, ¿non?

-Esa era a idea principal. Reivindicar a estas doce mulleres que aínda son moi descoñecidas e como moitas outras, son invisibles na historia. A outra intención era facer reflexionar aos lectores sobre a falta de referentes que teñen os nenos e as nenas, de modelos e figuras femininas valoradas socialmente, que escapen do estereotipo, que vaian máis alá dos da moda, actrices de cine, etcétera.

Profesión. É coautora de diversos materiais de ensino da lingua galega, tradutora de obras da literatura infantil e xuvenil.

Devoción. Compaxina co activismo a prol da lectura na asociación Espazo Lectura, da que é socia fundadora.

Newsletter Educación

Recibe todas las semanas la información más relevante sobre educación

Votación
3 votos
Comentarios

Anaír Rodríguez: «O referente de muller é un estereotipo»