«Vigo e Pontevedra forman parte das mesma área funcional»

La Voz

VIGO CIUDAD

O xeógrafo vigués falará hoxe do papel espacial de Vigo no centro do Eixo Atlántico

22 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Escola de Artes e Oficios (García Barbón 5) acolle a partir das 19.30 horas unha nova conferencia organizada polo Instituto de Estudios Vigueses que terá como convidado ao xeógrafo Xosé Manuel Souto. A súa proposta leva por título Vigo no centro do Eixo Atlántico do noroeste peninsular.

-¿Cal é a idea sobra a que xira a súa exposición?

-Situar a Vigo no seu contexto espacial. Vigo é unha cidade atlántica e, polo tanto, hai que considerala na Eurorrexión, e dentro dela, no pacto do Eixo Atlántico. Ademais, dentro de Galicia hai que vela na área metropolitana das Rías Baixas.

-¿Quere dicir isto que habería que estender a área metropolitana cara a Pontevedra?

-Si, hai precedentes históricos. O Ministerio de Fomento sempre falou da área metropolitana das Rías Baixas. Ademais, está claro que se non hai unha complementariedade entre Vigo e Pontevedra vai ser moi difícil ter un peso específico na Europa das cidades. Por outra parte, a Unión Europea sempre falou de áreas metropolitanas funcionais e grandes. Por último, dentro da teoría das cidades e o márketing territorial está claro que Vigo e Pontevedra son dúas cidades que perfectamente se complementan. Só hai que ver que o maior número de persoas que veñen a Vigo, e o revés. É un área funcional.

-¿É o norte de Portugal un adversario?

-Adversarios son cando compiten por uns negocios, pero non cando compiten por cidadanía. Eu estou falando dunha área metropolitanas que dea resposta aos servizos cidadáns básicos, como as comunicacións, sanidade, educación, etc. Neste sentido, o norte de Portugal está dentro do pacto do Eixo Atlántico e, polo tanto, non podemos falar de adversarios, aínda que si compiten por ter negocios de tipo industrial, comercial, financieiro, coma é normal dentro dun sistema capitalista.

-¿É un fracaso o Eixo?

-Non, visibilizou unha serie de cidades que antes non o eran para outras partes da Eurorrexión. Foi adiante en tanto que os alcaldes e as comunidades autónomas permitiron que fóra adiante. Aquí o que hai é dúas forzas antagónicas na ordenación do territorio, por unha parte o papel das cidades, e pola outra as comunidades autónomas.

-¿Actuou ben o estamento político neste desenvolvemento?

-As veces faltou unha visión global porque cada un conservaba as súas cartas con medo a que as veran os rivais, e non acababan de confiar exactamente no pacto. Pero, tamén é normal na vida das asociacións e das institucións. O que é importante é saber chegar a pactos para que non exista un enfrontamento que dé lugar á perda de calidade de vida dos cidadáns que viven aí.

-¿Poden coexistir catro aeroportos?

-Poden sempre que teñan a súa propia escala. Non todos poden ser transcontinentais.