A crise do Marco

Antón Patiño

VIGO CIUDAD

Oscar Vazquez

Hai unha solución para o museo que pasa por centrarse na arte contemporánea e dirixida a partir das premisas de coñecemento experto

20 feb 2018 . Actualizado a las 11:54 h.

Hai moito tempo, arredor do 2001, artistas e persoas do mundo da cultura reivindicamos o uso do edificio da rúa Principe para crear un Centro de Arte Contemporánea. Tivemos un encontro no Concello, daquela gobernado polo PSOE, entregamos un dossier argumentando a necesidade daquel equipamento cultural. O Concello de Vigo asumiu a iniciativa e convocou as xornadas fundacionais cos debates cara definir o proxecto.

Variou logo o signo político no Concello de Vigo e tanto na época seguinte do PP, coma cando chegou ao poder municipal o BNG, houbo total apoio á continuidade do proxecto. Datos que reflicten o acordo unánime (nun consenso responsábel) con relación a unha institución que é decisiva cara o futuro da cidade. O Marco naceu dese apoio de todos e deica agora foi un referente de prestixio dentro dos museos do estado. Non hai case no mundo cidade importante que non teña un centro de arte contemporánea. Un espazo que vén ser un sismógrafo para entender os cambios que acontecen no mundo. Un servizo cultural decisivo cara as novas xeracións que dun xeito moi notábel están orientando o seu futuro profesional en eidos paralelos á dinámica cultural nas súas distintas vertentes.

A situación actual lémbrame cando aconteceu a crise do CGAC en Santiago. Houbo unha posición firme dos artistas. Hoxe o CGAC é unha institución consolidada. Pasaron distintos directores, equipos de coordinación, e todos aportaron propostas que encaixaron moi ben definindo un importante legado conxunto.

Coido que a actual crise do Marco en Vigo ten unha doada solución. Polo que podemos aprezar hai discrepancia nun punto. A actividade do Marco ten que estar centrada na arte contemporánea e dirixida a partir das premisas de coñecemento experto, e para acadalo cómpre seguir o criterio homologado das boas prácticas democráticas cun concurso aberto a profesionais competentes, un xurado independente que valore as candidaturas. Trátase dunha formulación coherente, consensuada e con unha nidia lóxica democrática.

A posición dos artistas coa mensaxe «así non» o que está a pedir é un compromiso coas boas prácticas e superar o baleiro actual (non se poden facer as cousas sen criterio). Moitas xeracións de artistas levan traballando na cidade para construír unha escena artística inzada de vitalidade, o Marco é un espazo necesario como centro de arte contemporánea que contribúe a establecer unha ponte coa cidadanía. Desexo que desta crise o Marco como institución cultural saia reforzado deica cumprir cos obxectivos de colaborar para construír un Vigo que avance cara adiante e sen medo ao futuro.