«O importante é a honestidade coa música que te gusta»

VIGO CIUDAD

O músico ferrolán presenta en Vigo os temas do seu primeiro disco, titulado «Silence Lovers Club

10 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O auditorio municipal de Vigo acolle dende as 20.30 horas o primeiro concerto da xira de presentación do disco Silence Lovers Club, do músico Fernando Barroso. As entradas custan 12 euros. O ferrolán Fernando Barroso, que ten acompañado a músicos como Xabier Díaz ou Budiño, contará coa participación en todos os concertos por Margarida Mariño, e neste primeiro tamén pola cantora portuguesa Celina da Piedade, que tamén colabora no disco

-¿Como acaba un enxeñeiro químico vivindo da música?

-Eu sempre estiven metido na música. Xa durante os estudos o compaxinaba, e o rematalos decidín dedicarme profesionalmente a ela. Nos últimos dez anos, practicamente estou metido de cheo na música.

-¿Como definiría o seu estilo musical?

-Sempre é difícil poñerlle etiquetas a música, pero o meu estilo ten moitas influencias da música popular, clásica e de outros instrumentistas que admiro. Na miña música sempre van pinceladas de todo iso.

-¿Como chegou a un instrumento tan pouco coñecido como a mandolina?

-A mandolina é un instrumento universal presente dentro de moitos xéneros e estilos. Para min non era un instrumento descoñecido porque xa o empregara en outros proxectos anteriores. Agora, quixen centrarme nun repertorio para a mandolina pero dende Galicia.

-¿Que hai do mar neste disco?

-O mar sempre estivo presente na miña infancia e na miña vida, tanto en Ferrol, como en Cádiz, que son as terras dos meus pais. No tema, O Barqueirinho, nos levaba cara ao mar porque sempre está presente.

-Violonchelo e mandolina non son os instrumentos máis comerciais. ¿Como se pelexa día a día contra a industria?

-Se te paras a facer algo moi comercia hai claves para facelo, pero eu creo que é importante a honestidade coa música que queres facer, iso é o máis importante. A venda de discos e os concertos hai que traballalo moito, pero o principal é facer a música que te satisfaga.

-O título, «Silence Lovers Club - Mandolin Pieces», evoca o silencio. ¿Non é contraditorio coa música?

-O silencio na música é moi importante. Os grandes músicos din que o silencio pode chegar a ser máis importante que unha nota. Como concepto musical e tamén social, este club imaxinario facía referencia a un lugar onde a xente, supostamente, vai alí a desestresarse do ruído social, a desfrutar da música, e dese silencio pero en clave de evasión.

-¿Haberá algo especial neste arranque de xira en Vigo?

-Si, teremos como convidada a cantante portuguesa Celina da Piedade, que tamén tocará o acordeón no tema titulado Ausencia.