«As horas de silencio do día son moi boas para a creación»

VIGO CIUDAD

SANDRA ALONSO

O escritor lucense acaba de publicar «Para que eu beba», que presenta hoxe en Ponteareas

11 ene 2018 . Actualizado a las 19:31 h.

A sala de plenos do Concello de Ponteareas acolle, ás 20.00 horas, a presentación do último poemario do escritor Luís Valle, Para que eu beba (Barbantesa). A introducción do acto correrá a cargo do escritor e recente Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil de España 2017 Antonio García Teijeiro. Trala presentación, o propio autor fará un pequeno recital, ao que seguirá un espazo para asinar exemplares da súa obra.

-¿Como é este último libro?

-É unha obra escrita en mónadas, en versos cortados, que temática e estilisticamente continúa un liña de escritura que inaugurei hai nove ou dez anos cun poemario que se chamaba Fedor. Esta é a terceira parte dunha obra maior que se titulará Os froitos negros e que incluirá Fedor, As cicatrices do Sol e este Para que eu beba. Hai proxectos que pola súa ambición e a súa extensión son imposibles de crear e publicar dunha soa vez, polo que a idea e ir dándoos ao prelo parcialmente porque teñen unidade en si mesmos, pero todos os libros dialogan tamén entre si e ten sentido no seu momento tratar de sacalos unitariamente.

-É vostede un autor frutífero. ¿Hai un ritmo para escribir?

-Levo once poemarios individuais, máis ou menos un cada dous anos. O que pasa é que os ritmos da escrita non coinciden cos da edición, e pode ser que un ano saian dous libros e leves tres ou catro sen publicar, algo que é bastante frecuente.

-Non vive da poesía. ¿Ten necesidade dela?

-Si, basicamente é unha cuestión íntima, unha elección persoal desde practicamente os dezaseis anos nos que comecei a ler e escribir cunha vocación autoral, intentando aprender primeiro a ter unha voz propia e que despois fose medrando e me permitise expresar o que eu entendía en cada momento que tiña que expresar, ese é o proceso. Escribo todo os días e leo moito tamén.

-¿Leva unha rutina?

-Si, escribo todos os días, normalmente madrugo bastante e déitome bastante tarde, durmo menos, pero as horas de silencio, a última do día a as primeiras da mañá, son horas moi boas para a actividade creativa no sentido de que hai silencio, tranquilidade e non tes outros estímulos externos. O silencio tamén é unha cousa moi boa para escoitarse a un mesmo.

-Tamén pinta. ¿Cwombina poesía con pintura ou cada faceta vai polo seu camiño?

-Van bastante polo seu camiño. Ao principio, no meu primeiro libro había unha serie de ilustracións interiores que fixen eu mesmo, eran unhas tintas chinesas. Parte da miña formación vén dunha lectura bastante completa de toda a tradición surrealista europea e americana, polo que ese concepto de libro total, de obra de arte global, parecíame moi interesante cando tiña 19, 20 ou 21 anos. Pero a pintura ten uns ritmos moi diferentes e uns condicionantes tamén distintos. Ter aberto un estudio é complicado tendo outro traballo, mentres que a escritura podes facela practicamente en calquera circunstancia vital. Agora levo un aniño interesado pola fotografía e estame dando bastantes satisfaccións, evidentemente aínda estou empezando a experimentar e a aprender un mundo moi complexo como é o da fotografía dixital.