«A literatura e a barra do bar non se levan ben»

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

VIGO CIUDAD

MARTINA MISER

O escritor vén de gañar o premio García Barros coa súa última novela, ambientada en Vilagarcía

13 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre 1874 e 1936, a Royal Navy atopou na ría de Arousa un lugar perfecto para o repouso dos seus mariños e o fornecemento dos moitos e variados produtos (bótenlle imaxinación, que pedían de todo) que unha Armada coma a británica precisaba. Coa única paréntese da Primeira Guerra Mundial, ano tras ano os navíos e as súas tripulacións revolucionaron Vilagarcía durante seis décadas. O estoupido da Guerra Civil cortou as súas visitas, como tantas outras cousas. Hoxe, de todo aquilo quedan na capital arousá un bo feixe de fotografías e postais, abondosa documentación e un certo pouso british que o resto dos arousáns recoñecen con retranca, atribuíndo aos vilagarciáns o alcume de ingleses. Tamén un cemiterio, o British Naval Cemetery de Rubiáns, no que os servidores da Súa Maxestade daban sepultura aos mariñeiros finados. O derradeiro deles foi James M. Brown, tripulante do acoirazado Hood, que caeu ao mar o 17 de xaneiro de 1935. O seu corpo, rescatado na Illa, foi o último en ser soterrado en Rubiáns. Dende aquela, primeiro Ramón Rebolo pai, e a continuación o seu fillo, tamén Ramón, e a muller deste, Emérita Mouriño, coidaron do estraño pero sedutor camposanto pechado ata a súa xubilación, no 2013.

Este é o punto de partida de O xardineiro dos ingleses, a última novela de Marcos Calveiro (Vilagarcía, 1968), que iniciará a súa xira de presentación na capital arousá, o vindeiro martes, e onte ofreceu un anticipo. «Nacín e pasei a infancia e a adolescencia en Vilagarcía, e sempre escoitabas historias sobre os ingleses. A novela parte dun feito real, que é a homenaxe que hai anos lle renderon a ese home que dedicara media vida a coidar o cemiterio. O meu xardineiro non é ese home, os datos e os nomes están cambiados, pero si é unha historia do porque alguén fai algo así, que obriga, que débeda moral se atopa aí detrás. Na narración hai un segundo plano, a historia en tempo real, na actualidade, dun escritor que segue o fío para escribir unha novela».

Lorca, Sorolla, un espectáculo

Aínda que calquera apostaría por unha novela de pegada autobiográfica, Marcos bota por terra esta presunción: «Non, non, ten moito das miñas vivencias de adolescencia e infancia, claro, pero ese escritor non é Marcos Calveiro». Entre esas vivencias hai algunha que outra incursión no camposanto inglés. «Dun xeito ilegal -bromea-, brincando a tapia algunha mañá a primeira hora, porque daquela non había posibilidade de entrar doutro xeito. A min sempre me chamou a atención, dende neno, era un espazo mítico».