Herbón celebra o 101 aniversario da fundadora da súa taberna: «Teño moitos anos, moitos»

VIGO CIUDAD

Carmucha, da que aínda hai unha marca que comercializa pementos co seu nome, di que «101 son moitos anos»
01 dic 2017 . Actualizado a las 09:01 h.Carmucha, como se coñece a esta muller de toda a vida en Herbón, vive uns días especiais con motivo do seu 101 aniversario, que celebrou o martes, cando soprou as velas acompañada pola súa familia. María del Carmen Rivera Magariños, así é o seu nome, é unha muller alegre e cariñosa, cunha cabeza que moitas veces lle xoga malas pasadas pero que, polo demais, goza de boa saúde. «Teño moitos anos, moitos, 101», comenta estes días Carmucha.
A veciña centenaria é parte da historia de Herbón, como pementeira e taberneira. Coma a maior parte das mulleres da parroquia, traballou toda a súa vida no cultivo do pemento, que mamou da súa nai e da súa tía, que tamén era madriña, de modo que ela é a fundadora da marca Pementos Carmucha, que segue nos mercados e agora, ademais, adherida a etiqueta da máxima calidade da Denominación de Orixe Protexida (DOP).
Ademais de pementeira, abriu no 1962 xunto co seu home Manuel, Casa Dios, o único bar que queda aberto en Herbón, onde chegou a haber sete, tal e como contaron onte o fillo de Carmucha, Jorge, e mailo neto José Manuel Ferro. O nome de Dios non ven por ningún apelido, senón polo alcume do home de Carmucha que, a súa vez, o herdou do seu pai, recorda a familia.
Carmucha reside, precisamente, na mesma vivenda na que está aberto bar, co que seguiu a súa filla Lourdes Lago e agora, xa retirada, está en mans da neta, Mariví Rarís. Pola súa banda, a filla máis vella, Carmucha Lago, seguiu co cultivo de pementos e agora tamén está xubilada, polo que detrás da marca está José Manuel Ferro. El e máis o seu tío Jorge lembraron onte que Carmucha traballou moito durante toda a súa vida.
Como pementeira, de rapaza xa ía coa súa nai e a súa madriña para Vigo, para vender os pementos e outras hortalizas nos meses de produción. Por entón, quedaban alá durante ese tempo e o produto llo mandaban a Vigo en tren, primeiro e, máis tarde, en camión, chamado o Catarrés. Este pasaba un día pola parroquia e cargaba todo o que os produtores de Herbón tiñan para vender, sobre todo en Santiago.
Toda unha vida de pementeira que foi deixando pouco a pouco, pasados os 90 anos, idade a que Carmucha aínda contaba os centos de pementos que se meten nas bolsas, aínda que a venda coa DOP vai por peso e non por unidade. Cando chegou o euro, no ano 2002, a pementeira deixou de ir a vender ao mercado dominical de Padrón «por medo» a equivocarse coa nova moeda, segundo explicou onte o neto.
Carmucha ten tres fillos, dous netos e catro bisnetos. A súa rutina diaria pasa por levantarse un pouco a mañá e outro pouco pola tarde, aínda que non anda moito despois de romper a cadeira hai máis dun ano. Onte, os veciños que estaban na taberna non pararon de felicitar a centenaria, como antes o fixeron moitas outras persoas, incluso polas redes sociais, xa que a marca Pementos Carmucha fixo pública a foto dela soprando as velas.
Nun deses momentos de lucidez, Carmucha pode estar ben orgullosa de que o traballo de toda a súa vida segue en pe, tanto o de taberneira como o de pementeira e, en ambos casos, con futuro en mans de dous netos.
Casa Dios é un santuario para os que gustan de comer uns bos pementos de Herbón, así como outros pratos populares como a tortilla ou o xamón asado. No verán traballa moito e é parada de clientes chegados de moitos puntos de Galicia e incluso de fóra.
Pola súa banda, Pementos Carmucha é unha marca consolidada, que esta campaña sacou aos mercados unha confitura que tivo moi boa acollida. De seguro que Carmucha, aos seus 101 anos e rodeada do amor da súa familia, non pide nada máis.
Familia. Carmucha ten tres fillos: Carmucha, Lourdes e Jorge, ademais de dous netos e catro bisnetos. Todos eles residen na parroquia de Herbón.
Vida. A centenaria fai bo o dito dalgúns xefes, de que o traballo é saúde. A súa foi unha vida de moito traballar e acaba de soprar os 101 anos.