Amigos e admiradores de Xohana Torres lembran a súa persoa e a súa obra literaria

La Voz

VIGO CIUDAD

M.MORALEJO

Varias persoeiros da cultura galega falarán en dúas xornadas sobre a escritora falecida recentemente

04 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O escaparate da librería Andel (Camelias, 102) mostra xa as primeiras edición dos libros de Xohana Torres. É o primeiro paso da homenaxe que amigos e admiradores da escritora nada en Ferrol teñen dado para lembrar a súa figura e a súa obra. «É un acto de xustiza cunha persoa que mantivo un gran compromiso coa nosa literatura», sinalou Xaime Nogueira, responsable de Andel.

Un retrato da escritora, que elixiu Vigo como cidade vital, preside o escaparate. É unha Xohana nova pintada por Laxeiro. Dentro do establecemento hai outro retrato da poeta feito por Irene Silva anos despois, cando entrou na Real Academia Galega.

«Nunha librería é onde mellor se pode facer unha homenaxe porque agasállanos con cachos de vida e, ademais, ela vivía preto de aquí», sinalou o académico Xosé Luis Axeitos.

Os seguintes pasos chegarán os días 7 e 14 de novembro. Na primeira xornada xuntaranse na librería de Camelias Xosé Luis Méndez Ferrín, Anxo Angueira, Francisco Domínguez e Manuel Rivas. Cada un deles terá quince minutos para falar da homenaxeada. Despois abrirase un espazo de coloquio no que poderán participar os asistentes.

«A súa é unha literatura universal, coma a de Rosalía de Castro ou a de Manuel Antonio, aínda que tamén localista xa que elixiu Vigo e Nigrán como lugares de residencia», engadiu Méndez Ferrín, que presentará a segunda xornada, o día 14 de novembro. Para entón, as persoas que falarán da obra e da figura de Xohana Torres serán Darío Xohan Cabana, Francisco Fernández Rei, Chus Pato e Ana Romaní.

As dúas sesión literarias son de acceso libro e gratuíto, e comezarán ás oito do serán.