Un americano tras o tesouro de Rande

Publícase en galego «Tras o rastro do Santo Cristo de Maracaibo», no que John Stauffer Potter relata a busca dos galeóns afundidos que emprendeu nos cincuenta


Redacción / La Voz

En 1954 o norteamericano John Stauffer Potter, con 30 anos xa feitos, ten ás súas costas unha dilatada traxectoria como aventureiro, que o levou dende as exploracións da China comunista e os mares orientais, e alternar en Montecarlo co actor Errol Flynn e probar a facer saltar a banca no casino. En 1954, Potter goza do plácido Mediterráneo en Mallorca e descubre os atractivos dunha nova actividade, o mergullo, que o haberá conducir a unha aventura máis emocionante, a busca do ouro que, suponse, durme no leito atlántico fronte a costa sur galega, séculos despois da batalla de Rande.

Moitos anos despois, Potter recollería as súas lembranzas do que definiu como «os mellores anos» da súa vida nun libro autoeditado baixo o título On the Track of the HMS Monmouth’s galleon and Sunken Treasure, e que aparece agora en galego na tradución de Moisés Barcia e cun título lixeiramente diferente: Tras o rastro do Santo Cristo de Maracaibo (Rinoceronte). A versión galega tamén observa algúns cambios con respecto ao orixinal -publicado no 2014, ano da morte de Potter- no sentido de que se centra nos episodios máis vinculados á busca do tesouro de Rande e desbota outros de carácter máis persoal, xa que Potter concibiu o volume como a segunda parte das súas memorias.

Deste xeito, o volume ofrece unha interesante lectura tripla: por un lado, é un reconto do proceso de rastrexo dos buques afundidos, coas súas ilusións, contratempos e decepcións; pero, por outra, tamén se pode contemplar como un testemuño do que era o mergullo hai setenta anos, así como o retrato da Galicia dos anos 50 nos ollos dun aventureiro norteamericano. No primeiro apartado, Potter explica polo miúdo o complexo labor de poñer en marcha unha operación destas características. Dende o primeiro informe presentado no Ministerio da Mariña español para obter os permisos, ata o abandono, anos despois, da busca, o norteamericano debulla cada chanzo da aventura da súa vida. Localiza zonas para o rastrexo, viaxa a Londres para consultar a documentación orixinal británica da batalla, examina novas vías de financiamento -como venderlle a exclusiva da expedición á revista Life, que envía a unha reporteira a Vigo- e procura manter boas relacións coa poboación local, tanto na oficialidade franquista como dos humildes pescadores. Por riba de todo, paira a incansable fe de Potter no seu proxecto, propulsado por unha confianza en si mesmo que é tentador atribuír ao carácter emprendedor do seu país.

«Playboy» e estraperlo

Precisamente outro dos puntos de interese que suscita a lectura do libro é a súa visión foránea da Galicia dos anos 50. Hai descricións xeniais de personaxes locais como Gene Fadrique, fillo dun empresario que fabricaba latas para a industria conserveira e que viaxara polos Estados Unidos para aprender os métodos fabrís e comerciais, aínda que tamén dedicou non pouco tempo ao lecer máis hedonista: Potter defíneo como un playboy. Potter pelexa coa burocracia autárquica: para mercar un Jeep ten que irse nin máis nin menos que a Tánxer. Outra noite chega a casa, para atopala rodeada pola Garda Civil: non viñan a por el, senón que se ocupaban dunha operación de estraperlo... non para deter a ninguén, senón para que o contrabando se desenvolvese sen complicacións, xa que o beneficiario último era un empresario que apoiara a Franco nos inicios da Guerra Civil.

Tampouco faltan aparicións célebres, como a do Calypso de Jacques Cousteau -aínda que sen o divulgador a bordo- ou a do guitarrista e compositor Andrés Segovia. Todo, relatado cunha honestidade e franqueza que debeu de caracterizar a Potter.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
12 votos
Comentarios

Un americano tras o tesouro de Rande