«Traballar cámbialles a vida»

ariadna arias VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Oscar Vazquez

Persoas con trastornos do espectro autista estanse a formar en empresas de Vigo

26 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O trastorno do espectro autista (TEA) é unha alteración neurobiolóxica do desenvolvemento que se manifesta durante os primeiros anos da vida e que supón unha restrición no comportamento social da persoa afectada. Co obxectivo de axudar ás persoas que o padecen e ás súas familias, a asociación Teavi naceu en Vigo hai dous anos. Un dos seus proxectos máis ambiciosos é o programa de inserción laboral. Dirixido por Adrián Rodríguez Bravo, conseguiu que tres dos seus membros disfrutaran dun período de formación en distintas empresas e que outro fose contratado no Concello. O pasado mes de xuño, o servizo cumpriu un ano.

-¿A cantas familias axudan con este proxecto?

-Actualmente hai máis de oitenta persoas asociadas a Teavi, das cales oito se benefician do programa de inserción laboral. Nos próximos meses imos incorporar a máis usuarios ao servizo, xa que, cando os rapaces da asociación van avanzando na súa etapa educativa, se lles dirixe ao servizo de emprego.

-¿Que ocorre cando chegan ao servizo de emprego de Teavi?

-Unha vez nel, se lles realiza unha orientación laboral para que elixan o camiño formativo máis indicado para eles, sempre segundo os seus intereses, como pode ser unha FP ou o bacharelato. Segundo van rematando estas formacións, incorpóranse ao programa e nós buscamos empresas que queiran colaborar e darlle unha oportunidade laboral ás persoas con TEA.

-¿Con cantas empresas colabora o servizo de emprego?

-Temos convenios asinados con Vegalsa-Eroski, Toys R Us, Librería Cartabón, Kiabi, Frescut e a Editorial Galaxia.

-¿E como soe ser a acollida das compañías a estes rapaces?

-En xeral, cando lles explicamos ás empresas que a través da súa colaboración pódenlle cambiar a vida a unha persoa, a acollida é boa. Este ano tivemos tres experiencias de formación e unha de contratación. Dous rapaces tiveron un período de prácticas na librería Cartabón e outro na editorial Galaxia. Un rapaz leva traballando cinco meses no Concello de Vigo como auxiliar administrativo. Con todos, a acollida foi moi boa. Nós ofrecemos todo o apoio posible. Un preparador laboral acompaña á persoa nos seus primeiros días de traballo para que se adapte. O obxectivo é que esta persoa estea o menor tempo posible con ela para que a persoa con TEA poida desenvolver as súas habilidades o máis rápido posible pola súa conta. A figura do preparador laboral nunca vai a realizar o traballo da persoa con TEA á que esta a axudar.

-¿O proxecto facilita de cara ao futuro que as persoas con TEA poidan conseguir traballo pola súa conta?

-Precisamente é un dos nosos obxectivos: incentivar a búsqueda autónoma de emprego. ¿Que pasa? Que polas características do trastorno do espectro autista as entrevistas de traballo son unha barreira difícil de superar, por iso intentamos que eles poidan afrontar os retos de forma independente.

-¿Que aspectos positivos pode aportar a un posto de traballo unha persoa con TEA?

-Vinculación e compromiso coa empresa. As persoas con TEA responden moi ben ás encomendacións. Se teñen que realizar unha tarefa non a van abandoar ata que a teñan finalizada, nunca van deixar nada a medias. Tamén estamos mellorando a calidade de vida destas persoas, favorecendo a súa inserción laboral. Contribuímos no desenvolvemento da autoestima desta persoa, algo verdadeiramente positivo.

-¿É complicado integrar a persoas con TEA en postos de traballo? Vostede di que oito persoas se benefician do servizo, pero soamente unha está a traballar.

-Non. Sempre encaixamos os perfís das persoas que temos co posto que máis lle convén. Se non encaixa no posto, o máis probable é que non consiga os seus obxectivos e iso lle produza frustración, que é unha das principais causas de abandono tanto de estudos como de traballo das persoas con TEA. Se, por exemplo, non lle gusta a xardinería e se oferta un posto de xardineiro, esa persoa queda descartada porque sabemos que non vai gozar do seu traballo.