Non sabemos que vai ser do Marco

Miguel Anxo Rodríguez / Silvia García / Pedro de Llano TRIBUNA MIGUEL ANXO RODRÍGUEZ, SILVIA GARCÍA GONZÁLEZ Y PEDRO DE LLANO CABADO

VIGO CIUDAD

M.MORALEJO

Tres profesores de las universidades gallegas reflexionan sobre la situación del museo vigués

20 jun 2017 . Actualizado a las 09:18 h.

O mundo da arte contemporánea, tanto en Vigo como no resto de Galicia, está axitado. Desde que o pasado 14 de decembro Iñaki Martínez, director do Marco, anunciara que non vai renovar, nada sabemos sobre o que pode pasar co museo. Tamén desde fóra, nos ambientes especializados, o tema se observa con preocupación. Vai mudar o proxecto museístico? Como vai ser a escolla da nova dirección? Con que criterios? Declaracións e rumores mestúranse, alimentando os medos entre a comunidade artística. O padroado da Fundación Marco non aclarou como se vai producir o relevo.

Os estatutos da Fundación Marco informan de que o museo ten como obxectivo a realización de actividades encamiñadas «ao coñecemento e a difusión da arte e da cultura contemporáneas», considerando especialmente os novos procesos de creación actuais. Ocúpase tanto da creación feita no noso territorio como da que ten lugar alén das nosas fronteiras. Partindo destas premisas, o museo conseguiu nos últimos anos respecto entre os profesionais e afeccionados á arte, a pesar da drástica redución dos orzamentos. Moitas exposicións foron producidas xunto a institucións doutros contextos, deixando publicacións de grande calidade.

Pero a este recoñecemento nos ámbitos especializados non lle correspondeu un semellante a nivel de público. Aínda que a cifra de visitas non é mala, deixa un sabor agridoce, sobre todo se temos en conta a localización do edificio. Isto non é extraordinario. Lamentablemente é o habitual nos museos e centros de arte contemporánea en España, agás no Museo Reina Sofía, que custodia obras senlleiras como o Guernica de Picasso, e ten un orzamento e recursos humanos moito maiores. Hai factores como a formación e os hábitos de consumo cultural que fan complicado o arraigo. Este debera de ser un dos elementos centrais no debate sobre o futuro do centro, asumindo que unha das tarefas principais da nova equipa debe ser a reavaliación, reforzo e implementación dos programas públicos e de mediación.

 

A solución non pasa por cambiar o proxecto de museo e producir exposicións baratas e bonitas, que nada aporten a nivel de investigación. Un museo é un centro dedicado á investigación, defensa do patrimonio e divulgación, non o esquezamos. Produción de coñecemento e dimensión educativa deben ser respectadas, porque son a esencia destas institucións. Que implican as palabras do alcalde, de que se vai cambiar a fondo o proxecto de museo, para que sexa «adecuado ás demandas de Vigo»?

 

O Marco conseguiu situar a Vigo no mapa dos museos e centros de arte contemporánea, pola súa programación de calidade, a partir dun proxecto de escala media. Cómpre que o padroado da Fundación valore este legado e o respecto acadado nos ámbitos especializados. O proceso que se ten que levar a cabo para o nomeamento da nova dirección debe respectar a cualificación dos candidatos, facerse desde o rigor e a transparencia. Deste xeito, a situación de incerteza se poderá converter nunha oportunidade para accións innovadoras e para a consolidación dun proxecto moi respectado entre a comunidade artística.

*Miguel Anxo Rodríguez é profesor de Historia da Arte na Universidade de Santiago, Silvia García é profesora de Belas Artes na Universidade de Vigo e Pedro de Llano é profesor de Expresión Gráfica Arquitectónica na Universidade da Coruña.