«A literatura con adolescentes é un xénero aínda por facer en Galicia»

La Voz

VIGO CIUDAD

JOSE MANUEL CASAL

O autor presenta hoxe no Festival de Cans unha novela ambientada na contorna da aldea porriñesa

24 may 2017 . Actualizado a las 04:00 h.

Comeza hoxe a XIV edición do Festival de Cans cunha programación que se estenderá ata o vindeiro sábado día 27. O evento da pequena aldea porriñesa reformula os espazos e restrutura a súa programación, dándolle máis importancia aos creadores. Un deses creadores é o escritor Carlos Meixeide, que chega a un festival principalmente baseado na imaxe cunha novela que fala do propio festival. Trátase de Cans.

-¿Como naceu «Cans»?

-Forma parte dunha serie que naceu coa publicación de Ons, unha novela que recupera un pouco o espírito das novelas dos Cinco, de Enid Blyton, pero ambientadas na Galicia contemporánea. Ons foi bastante exitosa e a raíz de lela, o director do Festival de Cans, Alfonso Pato, propúxome situar unha nova historia destes personaxes na contorna do festival. Poderíase incluír na sección Miradas de Cans, onde cada ano un director diferente fai un traballo que ten relación co festival.

-¿Por que aceptou o envite de Alfonso Pato?

-Pareceume moi ben a idea porque eu estaba nese momento coa idea de facer a segunda entrega da serie. Aínda por riba, Alfonso comentoume certas historias que eu non coñecía da zona, como a existencia do túnel do Confurco que comezouse a construír a principios do século XX para unir Vigo co balneario de Mondariz e que finalmente quedou abandonado. Xa forma parte da lenda e dos xogos dos nenos. Tamén hai na zona historias relacionadas coa guerra civil, como a morte do Fresco. Son moitas historias que lle daban máis relevancia á novela.

-¿Pero o festival é protagonista?

-Si, claro. A escusa da novela é que os rapaces van pasar a fin de semana no festival porque son convidados por un rapaz que presenta unha curta. Esa é a escusa da súa presenza neste lugar.

-¿Que mostrará no roteiro que guiará hoxe?

-A idea é compartir, sobre todo cos rapaces dos institutos que leron a novela, os espazos nos que transcorre a acción. Tentaremos coñecer eses lugares, que ademais dannos unha visión moi diferente de Cans. O lugar é coñecido polo festival e incluso aparentemente non é moi fermoso porque está pegado a estradas, pero logo, pescudando un pouco, aparece unha paisaxe singular e incluso un patrimonio interesante. O roteiro o que vai permitir é coñecer de primeira man eses sitios, como a entrada do túnel ou o río. Todo axuda a dar unha perspectiva moi diferente de Cans, pero tamén lles servirá para situar a aventura da novela.

-¿Como naceron os personaxes desta serie?

-Hai moitos anos presentei a novela O home inédito nun instituto de Bueu, que non é que fose un libro concebido para rapaces. Alí, ao final do coloquio, un rapaz díxome que o que lle molaría sería que eu fixese unha novela con rapaces coma el, vivindo unha aventura na illa de Ons. A idea prendeume porque sempre tiven a idea de facer algo con adolescentes como protagonistas. Sempre tiven fascinación pola literatura de adolescentes ou tamén no cine ou na televisión.

-¿Cabería entón o pase ao cine?

-Si, sería moi apropiado. Creo que é un xénero que aínda está por facer en Galicia. Non sei se en un eido máis vacacional ou de instituto, pero sería moi interesante. A min interésame moi esta ideade como materia literaria porque é a idade que descubrimos moitas cousas da vida e por iso ten moita forza.

-¿Que vencello ten co festival?

-Dende o inicio. Na primeira edición presentei unha curta e penso que despois estiven en todas as edicións por algún motivo. É un festival diferente e moi divertido. O que pasa é que cada vez adquire máis dimensións, aínda que ten a capacidade de irse reformulando e adaptándose a presenza cada vez maior de xente.