«Non deixarei de facer poesía aínda que non vaia no tren»

La Voz

VIGO CIUDAD

CESAR QUIAN

O escritor, profesor e presidente da RAG presenta hoxe en Vigo a antoloxía poética «Versos dun fistor republicano»

06 mar 2017 . Actualizado a las 11:08 h.

 Os 90 anos que cumpre o ano que ven non poñen freo na vitalidade de Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928). O catedrático de Literatura pola Universidade de Santiago e presidente da Real Academia Galega dende 2013 non para. Como a cabeza. Hoxe ás 20.00 horas, o escritor, articulista e ensaísta presenta en Casa del Libro de Vigo (Velázquez Moreno, 27), o seu libro Versos dun fistor republicano, marxista, ateo e un pouco epicúreo, editado por Xerais.

O autor estará acompañado por Carlos Núñez, Luís «Ferreiro» e o editor Manuel Bragado.

-¿A que obedece o título de esta antoloxía poética?

-Eu creo que xa chegou a hora de que a xente se defina e quero facer xa no título unha declaración de principios, que son republicano, marxista e ateo, sobre todo ateo, que é algo ao que moita xente lle ten medo cando eu creo que o gran problema que ten hoxe a xente é a relixión. Mellor dito, a utilización da relixión, que a utilizan os yihadistas como a utilizou Franco. Ao que hai que chegar é a que quede no corazón das persoas.

-¿Que lugar ocupa a poesía na súa produción?

-Eu son consciente de que de momento as musas nunca me foron moi propicias. Eu, antes que un poeta, son un profesor de literatura que sabe algo de poesía, que a ten explicado e sabe algo de métrica medieval. Tanto que algúns dos poemas que ahí figuran son refacimentos de cantigas medievais. E outros poemas son, en certo modo, paráfrases de poemas galegos, de Rosalía ou de Curros, e tamén hai unha posta ao día das cántigas populares e no seu espíritu me movo con certa familiaridade, por iso me autochamo fistor.

-¿Que é un fistor?

-Un poeta popular. Eu que fun alumno de Dámaso Alonso na Universidade de Madrid teño que recoñecer que a miña primeira universidade literaria foron as cántigas populares na miña aldea, en Ventosela, en Ribadavia, cando tiña 9 anos e estaba aprendendo a falar o galego, porque eu viña de Vigo e falábase o castelán.

-¿Por que ahora esta compilación?

-Débese a que eu tiña publicado opúsculos e poemas dispersos e case sempre con seudónimos. Eu teño 35 seudónimos. Sobre todo de muller. Un deles, Cordal, facendo homenaxe ao meu primeiro amor de adolescente: África Cordal de Prada. Os seudónimos ás veces son heterónimos. Eu teño un moi marxista: Pietro Molteni. Utilízoos para destacar algunha das facetas da miña personalidade. De feito, alégrome moito de que este libro que presentei na editorial hai tempo, saia neste ano porque é o da revolución de outubro de 1917.

-Ten unha temática moi variada

-Si. Pero de feito é un libro bastante político. O meu primeiro poema é un que fixen contra Franco a noite que me enterei que fusilaran a Julián Grimau en abril do 63. Nel verquín a miña impotencia, o meu noxo e a miña carraxe. Tamén hai poemas recentes, algúns sociolingüísticos e outros estéticos, como un no que lle canto ás 110 palabras máis fermosas da lingua galega. Tamén estou moi satisfeito dos meus poemas antimonárquicos e dos anticapltalistas.

-¿Cando escribe?

-Escribo moito cando vou no tren á academia, de Vigo á Coruña, e paso por diante da casa de Rosalía.

-¿Entón vai deixar de escreber cando deixe a presidencia?

-Non. Non vou a deixalo aínda que non vaia nese tren.