Unha Voz para a Universidade

Salustiano Mato

VIGO CIUDAD

M.MORALEJO

27 feb 2017 . Actualizado a las 13:06 h.

Para unha institución como a nosa, que vén de cumprir un cuarto de século de vida, a celebración de 135 anos de existencia resulta pouco menos que unha excepcionalidade, máxime ao tratarse dun medio de comunicación. Máis de 45.000 números despois do seu nacemento, La Voz de Galicia goza do recoñecemento que lle confire ser o cuarto xornal de España por volume de audiencia e o primeiro do país, un logro posible en virtude do equilibrio acadado entre a adaptación ao momento presente e o respecto ao compromiso editorial adquirido o día que viu a luz e sinalaba: «A nosa primeira e máis ardente preocupación será a de servir con toda a enerxía do noso xornalismo aos grandes, nobres e desdeñados intereses desta fermosa e querida rexión galega».

Pero este traballo de servizo a prol dos intereses de Galicia que La Voz vén desenvolvendo desde a súa creación, non sería posible sen a existencia das súas delegacións. Así, hai 50 anos nacía a delegación viguesa de La Voz de Galicia co obxectivo de ofrecer un reflexo vivo e diario da actualidade do sur de Galicia, con especial atención ás novas xeradas na cidade olívica. Eran os derradeiros anos da década de 1960 e os primeiros da de 1970, un período convulso no político e no social nunha cidade que daquela vía emerxer os movementos sindical, feminista ou veciñal.

Froito desa efervescencia que caracteriza a Vigo, nacía hai pouco máis dun cuarto de século unha universidade, imprescindible daquela para un sur de Galicia que reclamaba que se atendese a demanda de formación dunha sociedade comprometida co progreso do país. La Voz de Galicia soubo, desde o primeiro momento, calibrar a importancia que para Vigo e a súa área de influencia tiña contar cunha universidade de seu e foi así como dende entón, a través da edición viguesa, pero tamén das de Pontevedra e Ourense, está a dar conta do que na institución acontece. A conexión entre a Universidade e a prensa convértese nun eixo fundamental para fortalecer a idea da procura de coñecemento que debe soster unha institución de ensino superior, neste caso pública, e o espallamento non só de información, senón tamén de ideas, que aporta un medio como La Voz de Galicia cunha forte pegada no país galego.

A segregación da Universidade de Santiago que permitiu alumear nosa institución; a construción e dotación dos servizos necesarios para o funcionamento dun campus, xeograficamente afastado da cidade; o proceso de transición ao Espazo Educativo de Educación Superior; os logros acadados polos nosos docentes e investigadores; o Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar que integra as outras universidades galegas así como as do norte de Portugal e a de Açores; a nosa presenza nos máis destacados rankings… son fitos dos que as páxinas da edición de Vigo de La Voz de Galicia deron conta como testemuña e narradora da nosa historia. Unha historia, a desta Universidade, feita con esforzo na procura dunha institución pública, galega, comprometida co país, con lingua propia e vocación universal, que evolucionou sen renunciar ás súas obrigas ata situarse nun momento presente no que, aos seus obxectivos de excelencia na docencia, a investigación e a transferencia, sumou os da internacionalización e a especialización.

Reforzando a nosa posición no mapa internacional de institucións académicas superiores, traballamos na procura de máis e mellor alumnado, profesorado e persoal investigador foráneo, ao tempo que seguimos a promover a mobilidade propia. Fomentando a internacionalización do noso estudantado, PAS e PDI, mentres que coidamos a captación e retención do talento investigador a través de programas propios, incorporamos, recuperamos e afianzamos na nosa Universidade os mellores talentos. Poñendo en marcha, xunto a Zona Franca, o Centro de Innovación Aeroespacial (Cinae) e acadando a acreditación de Cinbio como centro de investigación singular, confirmamos o traballo emprendido hai anos para acadar o chamado Vigo Tecnolóxico, o proceso de especialización nas áreas TIC, aeroespacial, industrial, de bioenxeñaría e biomédica.

Estamos nun camiño de non retorno cara ao futuro. Unha travesía que levará aparellado un relato que agardamos que a través das edicións en papel e dixitais de La Voz de Galicia sexa trasladado á sociedade. Parabéns á delegación de Vigo.