«Todas as facetas de Plácido Castro xiran arredor da dignificación do galego»

V. COUTO / Á. Palmou CARBALLO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

CEDIDA

A viguesa recompila as traducións do escritor de poetas ingleses, escoceses e irlandeses

12 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A figura dun dos corcubioneses máis ilustres volve hoxe a actualidade na súa vila natal coa presentación na Capela do Pilar (19.30 horas) do libro Verbas Atlánticas. Poesía inglesa, escocesa e irlandesa traducida por Plácido Castro. A tradutora Laura Linares Fernández (Vigo, 1987), que fixo un máster en Cork (Irlanda) sobre o traballo do escritor, editor, xornalista e galeguista, encargouse da edición deste volume publicado pola Fundación Plácido Castro recompilando os poemas e ocupándose da introdución. Canda ela, hoxe estarán a presidenta da entidade, Susi Castro; o seu director, Xulio Ríos, e o concelleiro de Cultura de Corcubión, José Antonio Louro.

-¿Cal foi o seu papel nesta obra?

-Son a editora realmente porque os autores son os propios poetas irlandeses, ingleses e demais que crearon eses poemas, ademais o protagonista principal é o tradutor, Plácido Castro, un intelectual moi importante de primeiros e mediados do século XX. El fixo estas traducións e moitas outras para dignificar a lingua galega e promocionar a idea de que era unha lingua ben válida para a literatura, a poesía e todo o que quixéramos. O meu traballo foi compilar os poemas, porque moitos deles aínda non foran publicados nunca e recoller os que si apareceran en diferentes medios e facer un pequeno estudo de introdución para que a xente entenda un pouco de onde veñen eses poemas, de onde vén o galego de Plácido Castro e cales eran as súas intencións con estas traducións.

-¿Cal foi o traballo máis duro de todo o proceso para preparar esta compilación?

-Foi un traballo bastante fascinante, así que resulta difícil clasificalo como duro. Foi complicado porque require dun traballo de investigación, pero como xa dixen foi fascinante porque aprendín moitas cousas sobre a figura de Plácido Castro, sobre a súa relación con Irlanda e o Reino Unido, onde el viviu moito tempo; a súa opinión sobre a poesía galega e a de outros lugares, e sobre a conexión que el creou entre o mundo anglófono e o mundo galego. Tamén foi complexo revisar o galego e todo o vocabulario, e tomar a decisión de facer cambios ou non porque eu quería manter ao máximo posible o galego de Plácido, porque paréceme moi interesante ver como el falaba naquela época, pero ao mesmo tempo hai que tomar decisións de normativización con tiles e ese tipo de cousas. É un traballo que leva moito tempo para que sexa coherente e consistente.

-¿Que destacaría da figura de Plácido Castro?

-Que foi unha persoa que fixo de moita ponte entre o mundo anglófono e o mundo galego porque naceu en Corcubión, pero viviu moito tempo en Escocia e tiña un dominio do idioma practicamente bilingüe, estivo moito tempo alí, viaxou por Irlanda, tiña moitos contactos, traballou na BBC en Londres moito despois nos seus programas galegos promocionando a lingua galega, traballou de xornalista moito tempo promocionando Galicia desde moitas perspectivas e creou tamén redes aquí E se falamos da súa perspectiva política foi un dos fundadores do Partido Galeguista e sempre estivo moi activo, aínda que despois a tivo que reducir porque marchou ao exilio. Tivo varias facetas distintas, pero todas elas xiran arredor do galego, de Galicia e desa dignificación da cultura e da lingua galegas que son tan importantes.

-¿Cantos poemas hai en “Verbas atlánticas”?

-O libro está dividido en dúas partes. A primeira son poemas máis curtos, arredor de 70 de moi diferentes actores, como Yeats ou Robert Burns. E a segunda parte consiste nun só poema, As Rubáiyát, que é máis longo e que foi unha das súas traducións máis importantes.

-Tivo a colaboración da familia, sobre todo de Susi Castro.

-Si, por suposto. Sen esa colaboración tería sido completamente imposible facer este libro. De feito, Susi e Xulio Ríos, o director da Fundación, tamén fixeron moitísimo traballo de investigación, proporcionáronme moitos dos textos e estiveron aí para todo o que necesitei. Foi unha experiencia fantástica contar con eles e colaborar con eles.