O Casco Vello recupera a memoria dos mariñeiros

La Voz

VIGO CIUDAD

A asociación de veciños desenvolve unhas xornadas para recuperar historias relacionadas co mar

15 sep 2016 . Actualizado a las 04:00 h.

A Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello fixa neste mes de setembro a súa mirada no mar. Especialmente, nos recordos que levan os mariñeiros daquelas mareas lexendarias nos mares do Atlántico Norte. Durante todos os venres do mes, os veciños amosarán algunha daquelas historias.

Exposición. Entremedias, os interesados poden ver no Instituto Camões a exposición Ksal, pintor do mar. «Cando Xurxo Souto estivo facendo as averiguacións para o seu libro Contos do mar de Irlanda, descubriu que había un mariñeiro que traballou nos mares do Atlántico Norte e nos seus ratos libres pintaba», señala Xerardo Feijoo, da Asociación Veciñal Casaco Vello. «Eu contactei coa familia porque eles tiña todos os seus cadros», engade. José Casal Cerqueira nace un Teis no ano 1917 e morreu hai tan só uns anos.

Gaiteiros do mar. ¿Mañá haberá unha nova entrega das historias do mar coa proxección do documental Gaiteiros do mar, feito por Xurxo Souto e Marín Rodas. «Son uns gaiteiros do Hío que cando ían marear levaban a gaita e cando tiñan ratos libres, tocaban», di Xerardo Feijoo. Este músicos mariñeiros tamén estarán na proxección e logo tocarán algunhas pezas.

Tesouro vivos. A Unesco recoñece como patrimonio inmaterial o valor dos tesouros vivos, que non son outra cousa que persoas que teñen unha experiencia en certas actividades que xa non é posible coñecer en vivo. «Nós como somos da asociación do Casco Vello e estamos relacionados co Berbés e o mar, nos acollimos a este proxecto e collimos como primeiro tesouro vivo do Casco Vello ao mariñeiro Isidro Ambrosio Marcial», explica Xerardo Feijoo. O ano pasado, a asociación fixo un documental no que contaba a súa vida e as súas experiencias. Ese documental poderase ver o venres 23 antes de que actúe o Orfeón Mariñeiro do Berbés. «Queremos que estas xornadas teñan tres patas; a do patrimonio, a da música e a gastronomía xa que ao rematar saímos todos a tomar uns viños polos barrio», sinala o membro da asociación.

Historias do bacallau. As xornadas rematarán o venres 30 o coloquio Vigo- Terranova: historias do bacallau. «Hai poderemos ver un pequeno documental feito por un mariñeiro que ía faenar cunha cámara antiga. El recolleu, estando en Terranova, o traballo de dous barcos que faenaban en parella. Pódese ver unha tormenta no mar e os mariñeiros traballando en medio dunhas ondas impresionantes», afirma Xerardo Feijoo. A nota musical do derradeiro día destas xornadas virá da man dos Faplerrys, un grupo de música no que está o neto de José Casal.