«Saúde e terra irmá(n)s» conmemora o centenario das Irmandades da Fala

A mostra recorre a historia do precedente do Partido Galeguista afondando en dez temas


A sede viguesa da Fundación Barrié (Policarpo Sanz, 31) acolle a mostra Saúde e Terra, irmá(n)s coa que a Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego e a Deputación da Coruña conmemoran o centenario da fundación das Irmandades da Fala. A exposición comeza en Vigo o seu percorrido pola provincia, grazas a un convenio das entidades organizadoras coa Deputación de Pontevedra para achegar esta mostra á cidadanía da provincia.

No acto de inauguración, o violinista Sergio Heredia interpretou dúas pezas musicais co violín orixinal de Manuel Quiroga Losada, que despois permanecerá na propia exposición. Entre as pezas musicais escollidas estivo Emigrantes celtas. Lonxe da terriña, lonxe do lar do mencionado músico pontevedrés.

O percorrido expositivo relata a historia das Irmandades a través de dez temas que profundan na súa cerna. Cada un deles desenvólvese nunha cabina na que se poden ver publicacións, documentos, imaxes e obxectos, así como escoitar gravacións musicais e de discursos e artigos de persoeiros da época. Poderase contemplar ademais unha escolma de pezas artísticas vencelladas aos temas e motivos que moveron a acción das Irmandades dalgúns dos artistas máis relevantes daquel tempo.

Ademais dos paneis e reproducións, este proxecto reúne ao redor de 130 pezas, documentos orixinais e primeiras edicións procedentes de máis de trinta institucións e coleccións particulares. Hai obxectos persoais, como as lentes Vicente Risco e de Ramón Cabanillas, os carnés das Irmandades da Fala de Ramón Vilar Ponte e Antonia Pardo, unha pluma de Álvaro Cebreiro e a máquina de escribir de Valentín Paz Andrade. Os espectadores poderán ver o manuscrito autógrafo de Arredor de si, de Otero Pedrayo, outro texto manuscrito do programa da Iª Asemblea Nacionalista ou a carta-nota ao gobernador civil que anunciaba que a Irmandade da Fala se convertirá no Partido Galeguista.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Saúde e terra irmá(n)s» conmemora o centenario das Irmandades da Fala