
Unha tese realizada na Universidade de Vigo estuda a presenza en América dos intérpretes dende os inicios da conquista ata pouco despois da independencia
23 mar 2016 . Actualizado a las 12:57 h.«Por voz de» ou «por boca de» son algunhas das expresións que puxeron sobre a pista a Óscar Ferreiro Vázquez durante a realización da súa tese de doutoramento. Achegas á historia da interpretación do centro e sur de América (1518-1870) é o título do traballo que foi dirixido polo doutor Xoán Manuel Garrido Vilariño
-¿Cal foi o punto de arranque?
-Esta tese está enmarcada dentro das liñas de investigación do meu director, Xoán Manuel Garrido Vilariño, que é Memoria, mestizaxe, migración. Nunha viaxe a Bolivia, consultando a Biblioteca Nacional de Sucre, atopamos un documento onde sae un texto que dicía: «Intérprete de la lengua de los naturales. Pedro de Ibarguren». O meu director propúxome iniciar aquí o traballo. A tese é a primeira que se defende en Vigo sobre a presenza de intérpretes en América. Partiamos da investigación realizada polo doutor Joaquín Sueiro Justel do 2002, La política lingüística española en América y Filipinas (siglos XVI-XIX), centrada sobre todo na tradución.
-¿Onde centraron o traballo?
-Centrámonos en México e na Real Audiencia de La Plata de los Charcas, que se correspondía con Perú, Bolivia e Arxentina.
-¿Como resolveron os conquistadores os primeiros contactos?
-Eles levaron intérpretes porque sabían que ían toparse cunha barreira lingüística. Pero levaron intérpretes das linguas coñecidas en Europa e non puideron comunicarse con eles. Os primeiros contactos foron por medio de xestos, obsequios, etc. Icíar Alonso Araguás, profesora na Universidade de Salamanca, apunta que nas conquistas os casteláns capturaban nenos porque aprendían máis rápido a lingua e eran máis manexables.
-¿Por que chegou ata 1870?
-Cerrámolo co xeneral Mansilla en 1870, cando xa eran independentes os arxentinos. Decatámonos de que se repetían ritos, desde o punto e vista lingüístico, costumes que xa se produciran en 1518. Recollemos unha crónica dunha viaxe que fixo para reunirse cun xefe nativo. O xefe coñecía o español pero para non someterse, falaba por medio de intérpretes. Chámanlle a esta figura lenguaraz.
-¿Como eran eses hábitos?
-O recibimento, os agasallos, que o intérprete fose alguén de confianza. O intérprete anunciaba a chegada do máximo representante nativo ao que estaba prohibido mirarlle aos ollos, de aí a expresión «por boca de». Hai unha crónica de Cervantes de Salazar que non foi explotada o suficiente. Nós intentamos atopar todas as mencións a intérpretes e á mediación lingüística, e unha delas era «en boca de».
-¿Coñécense os nomes daqueles primeiros intérpretes?
-No caso de México, está Jerónimo de Aguilar, un náufrago que conviviu con indios e aprendeu o seu idioma. Jerónimo coñecía unha lingua pero necesitaba unha ponte para pasar a outras linguas, para iso empregaron a famosa Malinche. E para Perú, Felipillo é o que máis destaca. Eran nativos. Aprenderon o español por contacto directo.
-¿Os españois afianzaron a figura do intérprete?
-A Coroa lexislou sobre todo tras a visita do vicerrei Francisco de Toledo. Foi dos poucos vicerreis que recorreu o seu territorio durante cinco anos, entre 1570-75. Coñeceu os costumes da poboación. El reformou o sistema económico das colonias. Nomeu a un intérprete que o acompañou durante a súa visita, que é Gonzalo Holguín, intérprete do puquina, aimara e quichua. No nomeamento, asígnalle un salario e indica as obrigas do mediador.
-¿Estaban ben considerados?
-Os que traballaban nas institucións si porque recibían un soldo.
-¿Houbo diferentes tipos de intérpretes?
-Nós clasificamos aos pseudointérpretes, que foron os primeiros da conquista; os paraintérpretes, que non tiñan ese cometido específico pero a través do seu traballo facíano, como era o caso dos pregoeiros, chasquis e yanaconas-criados). Os chasquis eran mensaxeiros de grandes distancias por postas que levaban mensaxes oralmente ou incluso podían levar pequenas mercancías, como peixe. Finalmente estaba o intérprete «profesional», que aparece nomeado como tal.