«Os momentos de dor son os que aglutinan ás sociedades»

Jorge Lamas Dono
Jorge Lamas LA VOZ / VIGO

VIGO CIUDAD

XOAN CARLOS GIL

O presidente do Instituto de Estudios Vigueses presenta o seu novo libro, «Días negros»

08 mar 2016 . Actualizado a las 04:00 h.

A Casa do Libro acolle esta tarde, ás 19.30 horas, a presentación do libro Días negros. Crónica lutuosa dalgúns dos feitos que encheron de dor e morte o sur da provincia de Pontevedra. Atá 1936. O seu autor é o historiador vigués Xoán Carlos Abad Gallego, presidente do Instituto de Estudios Vigueses.

-¿Cal é a orixe do libro?

-Cando estaba a traballar no libro A volta a Vigo en 80 leituras, constatei unha cousa que xa sabía, que os acontecementos máis importantes da historia dunha comunidade case sempre son momentos dramáticos. Planifiquei entón facer unha especie de viaxe pola historia da bisbarra viguesa no que o fío condutor fora nalgúns destes acontecementos dramáticos, o que chamei días negros. Partía do presuposto de que non son os triunfos os que aglutinan ás sociedades senón so momentos de dor. Ao longo da historia da bisbarra hai momentos de dor, pero son momentos de cohesión colectiva.

-¿Non ten esquecido a gran historia os sentimentos individuais dos protagonistas do grandes feitos?

-Si. O que tentei facer e sinalar que os acontecementos sucédenlle ás persoas. Detrás dos feitos históricos está o sufrimento de moita xente, e non se acaba co derradeiro disparo porque quedan feridos e queda a dor das testemuñas. Ás veces, na historia temos a visión maniquea de ver bos e malos; os que nos fan dano son os malos e o que facemos nós sempre é xustificable. Pero iso non é así. Hai que resaltar sempre as persoas.

-¿Cales son os seus peores días negros?

-É difícil. Podemos buscar un elemento como o número de mortos ou xente afectada, pero seguramente a visión para nós non é a mesma que para aquela xente. Para os colectivos da súa época, o que lles aconteceu a eles foi o máis terrible. Se tentamos manter unha perspectiva, evidentemente hai algúns grandes días negros colectivos, como poden ser o saqueo de Drake ou a batalla de Rande, pode ser o ataque inglés e a toma de Vigo de 1719. Algúns dos naufraxios asociados a pesqueiros tamén son significativos.

-¿Por que ampliou o ámbito xeográfico ata Portugal?

-O elemento condutor tiña que ser que afectou a xente de aquí, ou que tamén lle aconteceu a outras persoas do noso entorno e dalgún xeito sentíronse con eles solidarios, como por exemplo poden ser algúns naufraxios, como o Veronese. Aínda que os mortos ou os afectados non foran xente de aquí si houbo un sentimento colectivo solidario, como o pasou coas guerras de Cuba e Marrocos.

-Pero tamén hai crónica negra.

-Si, porque os días negros son o pretexto para analizar as sociedades e os contextos que derivan cara nós. Penso que ás veces foron importantes algúns accidentes, como o tren de Frieira ou algúns crimes que no seu momento tiveron moita repercusión.

-¿Que foi o máis complicado neste traballo?

-Por onde cortar. A idea a tiña máis o menos clara, pero tiven problemas á hora de determinar que elementos deixar fora porque apareceron moitos moi interesantes. A miña idea inicia era chegar ata a década dos sesenta do pasado século porque a partir de aí debería ter unha certa visión histórica pola presenza aínda que non tivera recordo. Tiven que empezar a tirar para atrás e por iso quedou no ano 1934. Quedaron tantos que neste momento estou a traballar, se ten aceptación esta primeira parte, nunha continuación porque quedaron moitísimos casos pendentes.

-¿Cal foi a historia que máis lle sobrecolleu?

-Eu tento, na medida do posible, empatizar cos protagonistas por iso afectoume especialmente o drama que titulo os chourizos asasinos. Detrás de aquel accidente, duns rapaces que comen un chourizo que atopan na rúa e que ten estricnina, está a miseria. Unha das constantes que se atopan ao longo da historia e que quero manifestar no libro é que os que sofren máis son os que levan a peor parte da sociedade. Neste caso son rapaces con fame que atopan no chan un chourizo, algo que hoxe en día non se lle ocorre a ningún rapaz, pero para eles é unha alegría. Non sei se o grado de dor desta xente era moito menor que o noso, ou se estaban xa habituados a sufrir e o sentían dunha forma diferente, non sei cal é a explicación.

-Apréciase un cambio no seu xeito de narrar. ¿A que é debido?

-Si. Considerei que tiña que ser diferente para facelo máis ameno. Tratei de romper a asepsia do investigador.