«A miña novela non defende o amor a calquera prezo»

Jorge Lamas Dono
Jorge Lamas VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Castro sitúa a súa novela en Teis
Castro sitúa a súa novela en Teis . álvaro ballesteros< / span>

O escritor vigués presenta hoxe na Casa do Libro o seu novo libro, «Amor é unha palabra coma outra calquera»

23 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O crítico Ramón Nicolás e o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, acompañarán esta tarde, ás 20.00 horas na Casa do Libro, a Francisco Castro durante o acto de presentación da novela Amor é unha palabra coma outra calquera.

-O título denota incredulidade. ¿Fala de desamor?

-Falamos de un tema que tradicionalmente na cultura occidental se sobrevalorou. Esta é unha novela contra o amor romántico, o amor dos boleros. É, polo tanto, unha novela en defensa do amor grande, pero non do amor a calquera prezo.

-¿O outro é machismo?

-Efectivamente, eu estou convencido que o amor romántico é unha das moitas estratexias da cultura machista e do falocentrismo para o dominio das mulleres. É dicir, a muller a que se lle aprende que só vai ser unha muller completa se lle ven un príncipe que a trate coma unha princesa. É unha estratexia de dominación.

-¿Que fai un cadáver nunha trama de denuncia social?

-Porque é unha novela con aires detectivescos. É unha novela dunha muller que é abandonada polo seu home logo dunha vida de entrega absoluta pola súa parte, e despois de ser abandonada, vese ensarillada nunha morte estraña dunha persoa achegada. Vaise ver envolta nunha investigación xudicial.

-¿Volve ao narrador en terceira persoa?

-Si, o seu papel é moi importante. É un narrador que está en novelas coma Xeración perdida, Spam ou In vino veritas. Se mete dentro da acción, fala cos personaxes e, as veces, detén a acción para pedirlle ao espectador que reflexione sobre algún asunto. Na novela hai momento para a reflexión sobre o amor, os sentimentos, sobre o sexo, que ten unha importancia crucial a maneira en que vivimos o sexo e como determinadas formas da sexualidade nos poden sacudir para mellor. A novela transcorre en tres día, e a Carla dálle tempo a enfrontarse á morte, ao amor, ao sexo e tamén a se mesma.

-Na súa anterior novela, «Tes ata as 10», había un contexto definido e incluso histórico. ¿É recoñecible nesta novela?

-Volve a transcorrer en Vigo, en Teis; concretamente, no barrio do Toural. Cada vez a miña obra é máis centrada en puntos concretos. O outro día dicíame un amigo que eu cada vez lle recordaba máis a Woody Allen, que centra as súas historias en barrios concretos de Manhattan. Eu creo naquelo de Miguel Torga, que o universal é o local sen paredes. Ti podes contar unha historia que transcorra nos arredores do mercado de Teis e que sexa totalmente universal.

-¿Como consegue o equilibrio entre o ameno e a denuncia?

-Imaxino que ten que ver coa propia concepción que teño da literatura. Os que temos a fortuna de escribir e que nos lean, tamén temos a obriga de poñer o noso «talento» ó servizo do noso tempo. A min non me abonda sen máis escribir unha historia de puro entretemento. Si ten que ser entretida e trepidante a historia, pero creo que ten tamén que servir para poñer o foco naquelas parcelas da realidade que nos desagradan, e mostrar camiños alternativos polos que todo podería transitar mellor.

-¿Por que propón unha lista musical en «Spotify»?

-Eu son un músico frustrado e a música ten un papel moi importante na miña vida. Cando me preguntan cales son as miñas influencias literarias, eu sempre respondo que son McCarney, Lennon ou Dylan. Pareceume que podería ser interesante acompañar a novela coa música que escoita a protagonista e fixen unha playlist gratuita en Spotify de 6 horas.