«'Cicloxénese' é unha treboada para promocionar a cultura en língua galega»

Begoña Rodríguez Sotelino
begoña r. sotelino VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

CEDIDA

A viguesa coordina proxectos desde Vancouver e investiga sobre Ricardo Mella

10 feb 2016 . Actualizado a las 09:30 h.

A viguesa Iria Presa comezou os seis estudos de grao de Galego-Español na Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo, pero a estudante, organizadora e promotora de eventos como Cicloxénese Cultural non lle chegaba co cambio climático que se apreza entre o centro da cidade e o campus, e decidiu marchar e cambiar a costa oeste galega pola de Canadá. A viguesa promociona o galego dende a diáspora con proxectos en rede como a web BöömDïäs. A Asociación Trabalingua, en colaboración coa Área de Normalización Lingüística e de BöömDïäs, organiza o Certame Cicloxénico Siluetas Furtivas, iniciativa coa que busca animar á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a traducir a ilustracións e imaxes a obra literaria de Lois Pereiro.

-¿Que a levou a Vancouver?

-Vin facer un curso, mellorar o inglés e poder estar máis preto de visitar a DOE Library de Berkeley. Estar en Vancouver permíteme aprender do modelo educativo e social canadense ao tempo que desenvolvo o meu estudo sobre Ricardo Mella e o movemento libertario. Números de Acción Libertaria, xornal fundado por Mella, ou o Solidaridad Obrera de Vigo do 1 de setembro do 1922 agochábanse nos baixos da DOE. Sabedora grazas a Eliseo Fernández deste material, vinme obrigada a vir ao Pacífico para recuperalo e con el poder establecer dun xeito máis definido a conexión entre Ricardo Mella e Manoel Antonio mediante a figura de José Villaverde Velo.

-¿Que é Cicloxénese Cultural?

-Naceu dun traballo de clase que fixen, unha análise cognitiva do discurso de Mariano Rajoy fronte ao de José Mujica ante a ONU; ese traballo levoume a procurar a Xandra Táboas e con ela argallar a I Cicloxénese Cultural, que máis que unha organización é unha treboada que pretende denunciar os recortes en educación ao tempo que promocionamos a cultura contemporánea en lingua galega. Este ano, a través da obra de Lois Pereiro. Inicialmente o proxecto foi ideado para conectar Vancouver con Vigo. Por falta de axudas tivemos que cancelalo. A denegación por parte da Xunta de subvencionar o evento foi o que provocou a súa cancelación. Pero establecendo contactos chegamos ate California e todas as obras que participen exporanse primero ao público na Universidade de Vigo e logo na UCLA en tamén na University of Connecticut.

-¿Que contactos fixo?

-Marina Carracedo leva tres anos de lectora de español na UCLA, Ela é a ideadora e responsable dos máis de quince concertos que Uxía e Narf van dar en marzo en USA. Antes de saber isto, contactei con ela, gustoulle a idea Cicloxénica e decidiu acoller a exposición de Siluetas Furtivas e combinala coa Iª Celebración do día das Linguas Maternas na UCLA que contará co concerto inaugural Uxía e Narf en USA así como doutras actividades en catalán, quechua ou euskera.

-¿E en Connecticut?

-Irene Carracedo, irmá de Marina, é instrutora e responsable do centro de recursos de español da universidade. Coñeceu a Cicloxénese por ela e quixo unirse a expor as Siluetas Furtivas Ilustrativas.

-¿Cal é súa labor no colectivo?

-Incitadora e coordinadora dos diferentes puntos, artistas e persoas. Algo así como a pulga na orella do profesor Gonzalo Navaza e a miña compañeira Xandra Táboas. Casualidades provocan acontecementos que eu traduzo en eventos.

-¿Que resposta percibe do traballo de difusión do galego que pretende facer en Vancouver?

-Ao falar coa xente é doado lograr interese en querer aprender máis da nosa cultura. Antes de irme argallaremos o xeito de deixar a pegada Galicia Calidade na cidade.

-¿Teñen axuda institucional?

-En termos monetarios, a única axuda institucional é para os actos que se desenvolven na Universidade de Vigo. Pero hai un amplo abano de xente colaborando. Descontando a Xandra e as compañeiras de Trabalingua podería dicir que, a que máis, a miña nai. Nada no 1949, despois de toda unha vida de ter prohibido falar galego, agora forma parte do grupo de pandereiteiras A Volta do Demo de Beade e cada día fai por aprender e falar galego. É grazas a ela que hoxe podo estar a desenvolver esta estadía, o proxecto Böömdïäs e a II Cicloxénese Cultural. Na procura de mecenas e de traballo estamos, non dubiden en contactarnos.

Exposición en Vigo das obras do concurso sobre Lois Pereiro «Siluetas Furtivas»

O Certame Cicloxénico: Siluetas Furtivas deixará a súa pegada en Vigo con varias actividades. Unha delas será a exposición durante dúas semanas de todas as obras (ilustracións e videocreacións) que participaron no concurso no pavillón central da Facultade de Filoloxía. Entre os premios do xurado hai unha obra cedida polo artista Antón Patiño e outra do creador Emilio Cabezas.

Ademáis, os traballos que resulten ser os favoritos do público e do xurado terán a edición da súa ilustración con Astromántica Cartoneira.

Baixo o título de Ca ViVan Lois!, quen se achege a Vigo o 15 e 16 de febreiro poderá gozar dunha ecléctica tronada con lóstregos de Siluetas Furtivas: cinema documental, danza, intervención escénica, rap ou improvisación teatral.

No programa da II Cicloxénese están confirmada a participación de Liquid Ambar, Gravidade 0.0, García MC, Dani Blanco, Ana María González e Manuel Outeiriño.

Iria Presa destaca tamén a estrea en España do filme Desaparecidos, de Carla Novi, que se proxectará o luns, 15, na facultade de Filoloxía gracias ao interese do grupo Solidaridad con Ayotzinapa Vancouver no proxecto cicloxénico e a colaboración do Charenton Club de Vigo, que aloxará un obradoiro de improvisación teatral de Dani Blanco na tarde do 16 de febreiro; a Lectura Aberta Explosiva, Implosiva, Palatal e Bilabial da obra de Lois Pereiro e un showcase de Dani Blanco e García MC.

Para máis detalles o mellor é visitar a web Böömdïas ou o facebook da Cicloxénese Cultural. O prazo de presentación de obras xa está pechado e en breve os internautas poderán votar polas súas favoritas.