Os campos de fútbol moañeses

En 1915 inaugurouse o terreo de xogo da Xunqueira

Equipo do Moaña Foot Ball Club, no ano 1925.
Equipo do Moaña Foot Ball Club, no ano 1925.

O día de San Martiño de 1914 faise pública a constitución da sociedade Moaña Foot Ball Club. Uns días antes, o 8 de novembro, varios xogadores do Vigo desprazáranse a Moaña convidados pola nova sociedade para facer unha demostración na Xunqueira. O 30 de maio de 1915 o Deportivo de Vigo vén a Moaña para xogar un amistoso co Morrazo F.C. da nosa localidade con motivo da inauguración do campo da Xunqueira. A partir desa data, o que os cronistas daban en chamar «deporte vigoroso e distracción moderna» practicaríase no campo dos areeiros.

O primeiro de agosto dese mesmo ano iníciase un campionato en disputa dunha copa doada pola empresa de Vapores de Vigo a Moaña no que participan once equipos de Vigo, Pontevedra, Redondela, Marín, Lavadores, entre outras localidades, e despois de enfrontarse entre eles disputarán a final co local Morrazo F.C. O campionato estivo cheo de incidencias, entre as que podemos citar a do segundo partido entre o Lérez e o Smoll Club Náutico de Vigo, que se suspendería porque ese día había touros en Pontevedra e hípica en Vigo. Os demais partidos seguirían a mesma tónica: incomparecencias, accidentes de tráfico, inundación do campo, etc.

No ano 1928 inaugúranse dous campos: un na Sobreira o 15 de xullo, no que se disputaba a copa Manuel Mariño que ganou o Alondras ao equipo local do Moaña; e o 12 de agosto, o Stadium do Cocho do Meira F.C. coa celebración do partido entre dous clubs de Vigo, O Comercial e o Español. Esta inauguración tivo gran trascendencia mediática. As fotos de Pacheco saíron publicadas non só en periódicos da provincia senón tamén en Vida Gallega e no Mundo Gráfico de tirada en toda España.

O día 3 de marzo de 1946, os veciños de Domaio asistiron masivamente á inauguración do campo da Granxa cun partido entre o Domaio F.C e o Minguela de Vigo (selección formada con xogadores de Vigo por un famoso perruqueiro da cidade). Os promotores do campo eran os irmáns Ferradás, que xunto con moitos veciños da parroquia fixeron un gran traballo de desmonte.

O domingo 5 de febreiro de 1961 inaugurouse o campo San Martín na Moca cun partido da liga comarcal de Pontevedra (Modestos) entre o C.F. Meira e Domaio F.C., co resultado de 2-1. O Meira iniciara unha nova andadura dous anos antes e tivo que alugar os terreos á familia Sampedro para ter campo propio.

No 1977 refúndase o C.D. Moaña presidido por Antonio Verde e remodelan o campo da Xunqueira. O partido inaugural foi un amistoso entre o C.D. Moaña e o Alondras.

O goberno municipal presidido por Xosé Manuel Millán entre os anos 2007 e 2011 fai unha gran aposta pola mellora dos campos de deportes con fondos propios e do Plan E, conseguindo facer un campo municipal novo de herba artificial de 100 por 62 metros no Casal, no que xogará o C.D. Moaña e que foi inaugurado o 10 de setembro de 2009. O 10 de abril do 2011 inaugúrase o remodelado campo da Granxa de 98 por 53 metros, tamén de herba artificial feito con fondos propios e do Plan E, do que terá disposición absoluta o Domaio C.F. durante vinte e cinco anos. Neste mesmo mandato municipal tamén se farían dous novos campos de herba sintética nos colexios de Reibón e Seara.

A retirada do campo da Xunqueira e a posterior construción dunhas pistas de atletismo abertas foi unha gran mellora para a nosa vila.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Os campos de fútbol moañeses