Teis abre un centro infantil de inmersión no galego

VIGO CIUDAD

Sandra, a educadora do centro, con algúns membros da asociación Semente Vigo.
Sandra, a educadora do centro, con algúns membros da asociación Semente Vigo. m. moralejo< / span>

A asociación Semente iniciou unha campaña de «crowdfunding» para arranxar as súas instalacións

10 sep 2015 . Actualizado a las 12:44 h.

Chámase Semente Vigo e é unha iniciativa social sen fins lucrativos que ten como eixo fundamental que todas as actividades, dirixidas a nenos con idades comprendidas entre os dous e os seis anos, son desenvolvidas en galego. «A asociación está composta por un grupo de familiares e educadores, xente afín e interesada polo tema da educación e da lingua», explica Marcos.

O referente é Semente de Compostela, que xa ten dous centros na capital galega, e aspiran a crear unha rede galega. «A sede viguesa está no 102 de Dr. Corbal, pero abrimos como centro de ocio, non exactamente como escola, por cuestións de tipo legal», engade. Aínda así, o fin do centro é educativo, cunha formulación baseada na Escola Nova, «principios pedagóxicos como a coeducación, laicidade, asemblearismo interacción coa natureza, autorregulación das crianzas ou o traballo comunitario». Asegura o representante da asociación que non están contra o modelo público de ensino, pero si queren poñer en valor a educación en galego e baseada na cultura galega.

Nestas últimas semanas, o centro xa estivo funcionando con actividades de verán e agora empeza a funcionar cun horario escolar. «Non somos unha empresa senón un grupo de xente que destinamos todos os fondos que recadamos a contribuír coa escola, para pagar a educadora, o aluguer e todos os gastos que xera; non é unha gardería no sentido empresarial», explica Marcos.

Non é necesario asociarse para enviar a un neno a Semente. «Se se é socio hai que contribuír cunha cota, pero se hai persoas interesadas e non teñen eses cartos temos bolsas de axuda ou tamén a posibilidade de contribuír a cambio de traballo na escola», di o representante de Semente.

A asociación fixo unha serie de obras de acondicionamento na súa sede de Teis pero agora, para axudar a amortizalas, iniciou unha campaña de crowdfunding na plataforma Goteo. «É para pagar as últimas obras que se fixeron, que ascenderon aproximadamente a 4.500 euros; son cartos que os socios foron adiantando pero que hai que devolver por iso queremos dar a coñecer o proxecto, para aumentar o número de socios colaboradores», afirma Marcos, que sinala que na asociación teñen as dúas sensibilidades lingüística do idioma galego, tanto a ILG como a AGAL ou lusista.

Marcos advirte que Semente non é unha asociación que se defina como nacionalista, e non ten relación con ningún partido. «Non nos interesa estar relacionados cun partido, creo que por esas cuestións foille peor a lingua», conclúe o representante da asociación Semente Vigo.