A Deputación mostra a entidade cultural de Filgueira Valverde

vigo / la voz

VIGO CIUDAD

A exposición recorre todos os ámbitos vitais e creativos de Xosé Filgueira Valverde.
A exposición recorre todos os ámbitos vitais e creativos de Xosé Filgueira Valverde. óscar vazquez< / span>

A exposición «Un faro na construción de Galicia» permanecerá na sede da rúa Oporto ata o vindeiro 18 de setembro

08 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Filgueira Valverde. Un faro na construción de Galicia é o título da exposición que dende onte e ata o 18 de setembro pódese ver na sede viguesa da Deputación Provincial de Pontevedra. É un proxecto comisariado por Carlos del Valle que chega a Vigo despois de percorrer outras localidades galegas da man da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, no mesmo ano no que a Real Academia Galega dedicoulle a este intelectual o Día das Letras Galegas.

A mostra, que está estruturada en quince capítulos, céntrase na vida e na obra dunha das figuras máis sobresaíntes do século XX en Galicia pero tamén con proxección universal. O percorrido proposto polo comisario supón un instrutivo paseo polas diferentes etapas da súa vida. Así, o espectador vai recorrendo a vinculación de Filgueira co Seminario de Estudos Galegos, o seu papel como defensor do idioma, o compromiso co galeguismo, a súa estancia no Instituto de Pontevedra e a creación do Museo Provincial. A mostra non esquece os cargos públicos desta controvertida figura don galeguismo, como é o posto de alcalde de Pontevedra, conselleiro de Cultura e presidente do Consello da Cultura.

O comisario Carlos del Valle non quixo deixar fóra do proxecto expositivo as facetas de escritor, estudoso da literatura e de outras áreas do coñecemento. Toda a documentación e a biblioteca de Filgueira que os seus fillos e a Fundación que vela polo seu legado depositaron no Museo, perfectamente catalogada, fixo posible esta exposición na que se pode ver dende o mobiliario do seu despacho ata as obras dos artistas renovadores da súa colección privada, como Laxeiro, Torres, Souto, Sobrino. Tamén as medallas que recibiu, o seu epistolario e os principais traballos de investigación e creación literaria.

Xestión cultural

Xosé Filgueira Valverde (Pontevedra, 28 de outubro de 1906 ? 13 de setembro de 1996) é unha das figuras máis sobresaíntes do seu tempo en Galicia. Home de vasta formación, significouse tamén pola diversidade dos seus intereses intelectuais e a multiplicidade de actividades e iniciativas, que foron dende a docencia á políticas. A súa pegada, sexa a través das súas numerosas publicacións e intervencións públicas, sexa por medio das institucións e organismos, públicos e privados, que promoveu ou ós que estivo vinculado, como o Seminario de Estudos Galegos, Museo de Pontevedra, Instituto de Pontevedra, ou Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos, foi de gran relevancia para a vida sociocultural galega. Por significar algún dato, que queda reflectido na exposición, Xosé Filgueira Valverde escribiu máis de 300 libros e folletos e máis de 1.000 artigos, e impartiu máis de 1.600 conferencias, número que pode dar unha idea da gran figura que representou este home no exento de polémica polo seu achegamento ao franquismo. Anos antes, durante a II República, Filgueira Valverde tivera unha intensa actividade política no Partido Galeguista, chegando a ser elexido secretario técnico na asamblea constituyente do partido celebrada en Pontevedra a comezos de decembro de 1931.