«O suicidio é, na miña novela, unha saída para fuxir dunha realidade opresora»

VIGO CIUDAD

Oscar Vázquez

Edicións Xerais vén de publicar «Muros de aire», a nova obra da novelista viguesa na que aborda a autodestrución

04 sep 2015 . Actualizado a las 04:00 h.

An Alfaya vén de publicar unha novela que racha radicalmente coa súa anterior entrega, O fío vermello, dirixida ao público xuvenil. En Muros de aire (Xerais) o guión xira ao redor do suicidio.

-¿Que é Muros de aire?

-Unha novela formada por un mosaico de personaxes unidos pola dor, un sentimento de illamento do mundo e unha necesidade de fuxida da realidade na que están inmersos.

-¿É o suicidio esa fuxida?

-Na meirande parte das situación si, pero tamén hai algún xogo perverso no que, movido por unha situación persoal, algún personaxe fai unha especie de xogo coa morte, no sentido de que chega ao suicidio para vencer á morte. Pero na maior parte dos personaxes é unha necesidade de fuxir dunha realidade opresora, puntual e nalgúns casos que pode estar relacionada con algún tipo de problema mental, pero non necesariamente.

-¿Por que fai unha aclaración ao comezo do libro?

-É unha precisión que podería non estar pero é que pode xerar a dúbida de que se trate dunha novela sobre o suicidio. Tendemos a culpabilizar ao alleo e nos eximimos da nosa propia participación na nosa vida, e nese senso quero situar que por unha banda a sociedade ten a súa responsabilidade, pero cada un de nós, dentro da nosa propia vida, quizais teñamos tamén a nosa responsabilidade para actuar en consecuencia.

-¿É equiparable ese destino perverso do que vostede fala coa traxedia grega?

-O ser humano e cíclico, previsible porque sempre estamos a darlle voltas aos mesmos temas. A especie humana é absolutamente repetitiva; non aprendemos. Si evolucionamos nos aspectos técnicos, pero no primordial e no esencial seguímonos a mover polas mesmas paixóns, dúbidas e seguemos a ter ese instinto de conservación e autodestrución, esa pelexa entre o ben e o mal que nos fai duais, contraditorios. É así dende o principio dos séculos e penso que tamén no futuro será igual. A novela tamén fala do autodestructivos que podemos chegar a ser, e egoístas, porque na novela se fala de que hai suicidas que queren arrastrar con eles a alguén e chegan á criminalidade, é un xeito de adornar a propia autodestrución deixando rastro ao levar a terceiros.

-¿Por que engade unha nota na que alude ao artigo da lei que fala do suicidio?

-É por situar a temática xeral da historia e darlle unha contextualización dentro das canles legais e sinalar como está tipificado o suicidio porque na novela aparece unha indución ao suicidio, unha axuda ao suicidio, e quería contextualizalo.

-¿É complicado construír tantos personaxes como ten a novela?

-É unha novela coral. Hai varios personaxes que teñen vida durante toda a novela pero tamén hai casos de suicidas puntuais. A estrutura foi creada a modo de mosaico. Tamén utilicei a figura dun narrador porque a novela provocoume moita dor na escrita. É unha novela moi realista, dinlle un ton adrede de deformidade ou caricatura para salvagardarme a min como autora, para distanciarme da dor, da sordidez e da sensación de baleiro.

-¿Fai algunha valoración moral?

-Non, non me gustan os compoñentes doctrinais e moralizantes, prefiro que cada lector saque as súas conclusións; nin sequera ten que concluír en nada. É unha novela, non é un ensaio.

-¿É recoñecible o espazo da novela?

-Os espazos por onde transitan os personaxes non son recoñecibles. Cora, a protagonista, na miña cabeza, podería vir de Santiago e chegar a Vigo. A novela está máis centrada no que conto e nos personaxes; é unha novela moi de espazos interiores, os personaxes case non saen á rúa.