As vellas festas da Peregrina en Meira

Xesús Cancelas Franco

VIGO CIUDAD

Barrio da Peregrina coa recén construida conserveira La Guía (1959).
Barrio da Peregrina coa recén construida conserveira La Guía (1959).

O 9 de agosto de 1903, os veciños comezaron a honrar á virxe

14 ago 2015 . Actualizado a las 13:16 h.

O sábado 2 e hoxe, domingo día 3 de agosto, estanse a celebrar as festas na honra da Virxe Peregrina e Virxe do Luján no lugar que actualmente chamamos A Guía, na parroquia de Meira.

Tal día coma hoxe, o domingo 9 de agosto de 1903, celebrouse a primeira festa promovida por dous indianos, Juan Piñeiro e José Currás, que eran os propietarios dunha finca con casa e unha capela con adro na que se fixera a primeira función relixiosa en 1895. Constituiron unha fundación e querían facer misa maior e procesión por fóra do adro para o que recollerían limosnas. Os organizadores conseguiron permiso do arcebispo pero Domingo Antonio Freijomil, párroco de Meira non estaba de acordo porque lle ocultaron algunhas cousas e dicía que se valeran del para conseguir o decreto do arcebispo, ademais de que practicaban un catolicismo enxebre, facían da capela unha praza de touros en miniatura e non lle pagaban ao sacristán.

A festa celebrouse sen misa nen procesión, a pesar de que a organización tentou traer un cura de Vigo pero o párroco prohibiulle dicir misa. Moitos romeiros da zona e incluso de Vigo acabaron facendo unha manifestación e pola tarde conminaron á banda de música a tocar a Marsellesa dándolle vivas á República e a Salmerón, protestando contra o párroco e o clericalismo. Días despois produciuse un gran debate, con descalificacións incluidas na prensa da época, entre os donos da capela e o párroco, uns en medios republicanos e o outro en diarios católicos. Os primeiros dicían que todo obedecía ao enfrontamento entre a sociedade Unión Agrícola ­_da que o cura era o dirixente_ e a Liga de Contribuintes.

O 25 de outubro de 1903 o cardeal de Santiago dispuxo a suspensión da festa e que no futuro os organizadores se limitaran a programar dúas misas rezadas. Días antes estoupara un cartucho na casa de Juan Piñeiro e José Currás provocando danos materiais.

En 1925 compra a finca da Peregrina José Campos Blanco, conserveiro e sogro do alcalde Ernesto Carballo. Ese ano faríase a festa os días 14 e 15 de agosto. No 1928 celébranse grandes festas os días 11, 12 e 13 de agosto. O domingo 12 inaugúrase o campo de fútbol do Cocho, do que foi promotor e alma máter do Meira F. C. Emilio Gramary. Exerce de madriña Maruja Carballo, que entregaría unha copa de prata aos gañadores do partido entre o Comercial e o Español, ambos da serie B de Vigo. As fotos de Pacheco dese acto foron publicadas na prensa local, en Vida Gallega e en Mundo Gráfico, para toda España. Pola mañá celebrárase unha procesión na finca da peregrina na que levou o estandarte Ernesto Carballo, xenro da propietaria e excalde. O luns, día 13 celébranse dous combates de boxeo a catro rounds. No primeiro José Lorenzo gañou a Evaristo Boubeta e exerceron de masaxistas José Paz e Domingo Mateo, os catro do Moaña F.C. O segundo combate entre Avelino Rodríguez de Vigo e Barral do Meira F.C. foi declarado nulo polo árbitro Ramón Carballo. O ring improvisado era no adro e a festa rematou con baile campestre e fogos de artificio traídos de Barcelona.