¡Graciñassss!

VIGO CIUDAD

22 may 2015 . Actualizado a las 13:21 h.

Krohn-Dehli falou no campo ata onte, cando ¡por fin! soltouse co castelán e incluso se despediu en galego: «Graciñas afición». As súas verbas soan a gratitude, pero a súa mensaxe é a dun profesional do fútbol. Michael sabe que está ante o seu último contrato e non podía deixar pasar o tren con destino á estación de Santa Justa. Por diñeiro e por pedigrí deportivo.

Krohn -o vicepresidente Barros foi o primeiro que deixou no 50 % o seu longo apelido- vaise sendo o mesmo soldado que coñecemos nestes tres anos en Vigo. Amosando intelixencia dentro e fóra do campo, sen bágoas, pero convencido de que en Balaídos queda parte da súa historia.

Vaise co recoñecemento do todos e pola porta grande, malia que chegara a A Madroa nun caluroso día do mes de agosto de 2012 agochado nos cristais tintados do coche do director deportivo. Entón era un internacional danés coñecido pola súa actuación na Eurocopa que viña a dar un salto de calidade para manterse en Primeira. O día da súa presentación Paco Herrera, entón adestrador, fixo a mellor definición: «Non vai meter goles, pero vai axudar a facelos». Dito e feito. Krohn fixo moito mellor ao equipo unha vez que se adaptou, pero non pasará á clasificación histórica de goleadores do Celta.

Seguramente vaise o xogador con máis calidade que pasou polo Celta nos últimos tempos, cunha visión de fútbol fóra do común e cuns pulmóns que lle permiten aos seus 32 anos (cúmpreos en xuño) percorrer preto de catrocentos kilómetros no que vai de tempada.

O seu lugar será difícil de reemplazar, pero parafraseando a Berizzo: un futbolista deixa de ser importante o día que se vai. O seu espíritu perdurará.