Obrar por obrar. Falar por falar

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

VIGO CIUDAD

09 feb 2015 . Actualizado a las 08:35 h.

A quen fala por falar chámaselle falabarato. De quen obra por obrar, se é político, dise que sabe facer as cousas. Dicíase, mais ben, porque a crise tamén está a mudar isto afortunadamente e marca novas prioridades, cando as urxencias se colapsan, os desafiuzamentos deixan xente na rúa, o nome do Sovaldi fáísenos coñecido polas reclamacións anguriadas dos doentes de hepatite C, os chalecos non alcanzan a todos os policías e nos novos guións de Forbrydelsen (serie de televisión danesa) os retallos son causa de ineficiencia policial.

Se a iso se engade unha crecente conciencia ambiental, entenderase que as preferencias muden para uns cidadáns que nos últimos tempos se preguntan como nunca antes canto custan as obras e cales son as prioridades. O Estado en obras -de Primo de Rivera a Fraga- está a quedar atrás, aínda que a maioría dos políticos siga pensando nas claves de antes da crise cando se trata de eleccións. Tamén unha parte dos electores. Axiña saberemos cantos.

Neste ano electoral a recuperación que anuncia Rajoy exprésase en aumento do gasto público inútil; a inminencia das municipais nótase na proliferación de obras de toda caste, maiores, menores e minúsculas. Pero as reaccións cidadáns ás obras anuncian cousa distinta que sempre, sexa coa rotonda do barco en Vigo ou co derribo da casa da Xuventude en Santiago. A idea dos alcaldes-construtores ven sendo a mesma que nos últimos trinta anos, esperan que a xente aprecie que obras son amores, que dan traballo, que algo se está a facer, pero por primeira vez atópanse con preguntas cidadáns sobre a súa utilidade. No actual andazo de obras compostelás acaba de chegarse ao ridículo: colocar un inútil semáforo para regular un paso de peóns -de nula siniestralidade- fronte ao histórico instituto Rosalía de Castro, que tivo o efecto de molestar á comunidade educativa.

Nesta xeira de obras e ofertas que tres conselleiros aspiren á alcaldía de tres cidades galegas informa tamén sobre o momento político do PP e do seu Goberno na Xunta. Prescindir de tres conselleiros por pouco que fagan no seu posto para seren probablemente substituídos polo seguinte do escalafón, como acostuma Feijoo, confirma que para el é máis importante ocupar o poder que usalo. Dá a medida do que importa a un Goberno ao que non se lle coñece máis proxecto que gañar eleccións, o que é tan bo para os seus dirixentes e o seu partido como fútil para o país.

Visto o que fixeron estes conselleiros, non se pode agardar que fagan algo máis que colocar algún semáforo, de gañaren, ou que perdan as eleccións coa máxima dignidade como se cadra lles vai pasar en máis dun caso.

Orfos de ideas, nun xaxún de proxectos e sen iniciativa coñecida, só lles queda prometer algunhas obras para o recreo nas varandas de xubilados ociosos. Nin ambiciosas peonalizacións, nin carrís-bici, nin metros lixeiros que eliminen tráfico, nin sequera novas e ambiciosas ideas de cidade que queden en fume. Prometerán a volta a unha especulación inmobiliaria doutrora para a que non hai lugar e mentres mirarán de poñer algún semáforo.