Paixón e cálculo

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

VIGO CIUDAD

25 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A memoria do vello amigo. Van alá catorce anos dende o falecemento de Francisco Mantecón (Vigo, 1948-2001). No magnífico espazo expositivo do MARCO (Museo de Arte Contemporánea de Vigo), en colaboración coa Fundación Luis Seoane, os comisarios Angel Cerviño e Alberto González-Alegre veñen de inaugurar unha mostra antoloxica da obra dun dos artistas máis representativos da plástica galega das derradeiras décadas do pasado século. A arquitectura interior do museo acolle unha selección ampla e representativa da súa obra, con atención especial ás décadas dos anos 80 e 90, o seu período de madurez. Seica é a primeira vez que a institución dedica unha exposición monográfica destas características a un pintor e deseñador gráfico. Tales foron as liñas básicas de traballo nas que Mantecón centrou a súa actividade: pintor e deseñador. Pintor da abstracción xeométrica, cunha obra esixente, centrada na organización do espazo e na utilización dos signos, acaso na tradición histórica de pensamento que nos primeiros anos do pasado século iniciara Kandinski e as avangardas (a abstracción lírica), enriquecida por numerosas influencias posteriores, cunha forte personalidade que dende o primeiro momento o definiu coma un dos creadores máis orixinais da arte galega do seu tempo. E asemade, deseñador de formas ao servizo da comunicación de obxectos, neste caso cos antecedentes tamén históricos da Bauhaus, da que tanto falaban entre nós Luis Seoane e o Laboratorio de Formas de Galicia. A creación artística coma valor engadido da comunicación: cubertas de libros, cartaces, logotipos empresariais? Nas primeiras páxinas do libro que prepararon os comisarios hai unha fotografía xa histórica da plástica galega: a presentación do chamado Grupo Atlántica en Madrid, no Centro Cultural da Villa (1981). Era entón alcalde da capital o profesor Tierno Galván. Entre os fotografados aparecen creadores tan diversos como Raimundo Patiño, Permuy, Basallo, Correa Corredoira, Mon Vasco, Lamazares, Huete, Antón Patiño, Xosé Freixanes, Manolo Moldes, Menchu Lamas? Algúns deles xa non están entre nós. Queda a súa obra, e a súa memoria. Aquela etiqueta, Atlántica, serviu da lanzadeira para un momento de extraordinaria creatividade xeracional. Artistas que entón agromaban consolidaron en todos os casos a súa obra a partir de entón. Non eran unha escola, nin sequera un grupo homoxéneo. Eran a imaxe dunha Galicia nova que pretendía, sen esquecer a tradición, abrir fronteiras, ampliar espazos, afrontar sen complexos o desafío da contemporaneidade, nun tempo ilusionante que noutros ámbitos (na música, na literatura, nas artes escénicas) tamén tiña o seu correlato. O visitante da mostra antolóxica de Francisco Mantecón ten a oportunidade de contemplar o artista na súa plenitude, no seu discurso integral e organizado. O país existe. Parabés aos promotores por unha iniciativa que fai xustiza e axuda a algo que me parece moi necesario nestes tempos que corren: escribir (ou repasar) o relato do nós, pensando sobre todo nas novas xeracións.