«A xente do sector audiovisual está mirando a Carballo»

Á. Palmou CARBALLO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

JOSE MANUEL CASAL

Arranca a conta atrás da segunda edición do festival, que terá varias novidades

31 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Fai só uns días que se abriu o prazo de inscrición para a segunda edición do festival Carballo Interplay, que se celebrará do 16 ao 18 de abril na capital bergantiñá, pero son xa máis de vinte os proxectos anotados e moitos deles proveñen do eido internacional, posto que a cita incorpora un premio para os traballos feitos noutros países. Sonia Méndez (Vigo, 1980), a súa directora, confía en que o festival siga crecendo e que se consolide como un punto de encontro para a xente do sector e o público.

-¿Como marchan os preparativos da próxima edición?

-Ata xaneiro non comezaremos a desvelar a programación, os convidados e as actividades, porque agora estamos máis centrados nos cursos do FormaCip, pero o que si demos xa a coñecer, porque xa está aberto o prazo de inscrición ao concurso, é que este ano vai haber unha categoría de webserie internacional, co cal abrimos o festival a que poidan presentarse traballos de todo o mundo e así poderemos ver o que se está facendo fóra. Ademais, aínda que naceu como un festival de webseries pasará a ser de contidos dixitais en xeral de tal xeito que a pesares de que seguirá a haber esa competición haberá contidos relacionados tamén co mundo online, coas multiplataformas, etcétera.

-¿Que os animou a ampliar ese eido de acción?

-Nós, desde que comezamos co festival, que foi o primeiro de webseries do Estado, sempre tivemos claro que tiña que ser de contidos dixitais e que as actividades que propuxésemos fosen máis aló das webseries. Queremos que vaia evolucionando para dar cabida a outro tipo de propostas, así que este ano, xa con máis tempo e as cousas máis claras, decidimos que xa podiamos darlle ese xiro, aínda que na primeira edición xa apuntabamos nesa dirección con actividades como o código fonte audiovisual ou as charlas sobre novas narrativas.

-¿Co festival e co ciclo FormaCip, que terán continuidade ao longos de varios meses, pode converterse Carballo nunha referencia para o sector?

-Non son eu quen para dicilo, porque podería parecer un pouco soberbia, pero creo que a oferta formativa que está facendo o Concello de Carballo co festival e o ciclo FormaCip é moi completa, accesible e que toca todos os paus do sector e do proceso audiovisual, tamén aquelas cousas máis novidosas que está habendo en Galicia. Así que a xente do audiovisual está mirando cara Carballo e todas as impresións son moi positivas. Temos sorte de que o Concello apoie non só o festival, senón ese pulo paralelo en formación, porque hoxe en día é algo moi a merecer. Non sei se será un referente, pero tras a edición anterior a xente doutras comunidades xa sabe onde está Carballo e o obxectivo de crear un caldo de cultivo para que os creadores se coñezan e para que o público lle dea valor a este tipo de proxectos se conseguiu.

-¿Están preocupados por ter deixado o listón moi alto o primeiro ano, e non poder repetir a boa acollida que tivo?

-Non pensamos na cuestión de se superamos o listón ou non, pero este ano vai estar moi ben tamén. Eu sempre penso que o mellor está por vir e nós estamos traballando moito para que a próxima edición sexa mellor que a primeira, por iso animamos á xente que se achegue a Carballo eses días. Imos traer cousas que nunca estiveron aquí, por dicilo dalgunha maneira.

-¿Os lazos creados entre os participantes deron xa froitos?

-Si, o Carballo Interplay xa está tendo os seus primeiros fillos, que é algo que valoramos moito desde a dirección do festival. De feito, na próxima edición imos tentar facer un encontro de todos os realizadores e realizadoras de webseries de Galicia porque cremos que ter un festival aquí tamén é unha sorte para eles. En Galicia hai un produción potente e moi boa de webseries e hai varios casos de xente que se coñeceu aquí que están facendo colaboracións entre eles.