Ir Indo publica a primeira biografía de Carlos Casares

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

VIGO CIUDAD

A editorial incorporou ao escritor ourensán á súa colección «Galegos na Historia» cun volume creado por Denís Vicente

13 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

A editorial Ir Indo vén de incorporar un novo volume ao seu proxecto Galegos na Historia, a colección que naceu no seu día como un espazo para reivindicar a obra, a figura e o legado das figuras senlleiras da historia e a cultura galegas. Carlos Casares. Compromiso con Galicia é a primeira biografía do autor de Ilustrísima e a publicación foi presentada onte no Centro Cultural da Deputación de Ourense e no Liceo da cidade, o espazo cultural que preside o seu irmán Xavier e que o desaparecido escritor definiu sempre como a súa segunda casa. As presentacións terán continuidade hoxe, xa que ás 19.30 horas está previsto dar a coñecer a obra na comarca vencellada de sempre ao escritor. Será na Casa da Cultura Carlos Casares, de Xinzo de Limia.

Carlos Casares. Compromiso con Galicia é un traballo do profesor Denís Vicente Rodríguez e no volume faise un repaso dos aspectos máis salientables da figura do escritor. A infancia entre o Ourense de nacemento e o Xinzo das orixes familiares e os anos iniciáticos, xunto co seu paso polo seminario, abren a publicación. A formación universitaria en Compostela e a influencia de Ramón Piñeiro; a madurez persoal, o compromiso político e o galeguismo cultural; a actividade como narrador, ensaísta e tradutor e o seu papel como orador e articulista centran os capítulos da obra, que incorpora ademais unha cronobiografía e unha bibliografía.

A obra de Ir Indo amosa tamén un amplo apartado gráfico a xeito de percorrido pola vida de Carlos Casares (Ourense, 1941-Vigo, 2002). As fotos de cativo en Xinzo, no seminario, nas tertulias con Torrente Ballester en Baiona, con Nélida Piñón, Derek Wlcott e Wole Soyinka ou con García Sabell, no Couto Mixto, percorrendo o Camiño de Santiago ou as portadas dos seus libros, entre outros materiais, complementan os textos de Denís Viente Rodríguez.

Para Xavier Casares, a obra editada por Ir Indo, contribuirá a que a xente coñeza mellor ao escritor e o traballo desenvolvido por el «en moitas facetas, dende o seu papel como escritor ao de dinamizador cultural de Galicia -dende Galaxia e o Consello da Cultura-, como embaixador da cultura galega ou na súa implicación coa literatura infantil».

Blanco Amor e Basilio Álvarez

O editor Bieito Ledo anunciou que se está traballando para incorporar á colección tres novos volumes. Serán os dedicados a Cuevillas, Eduardo Blanco Amor e Basilio Álvarez.